POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Un total de 22 propostas finalistas aspiran a gañar os Premios Youtubeiras 2022 nunha gala de entrega que se celebrará en Carballo o vindeiro 28 de xaneiro

21/12/2022 O xurado, conformado por Mario Brión (Olanxonmario), Alba Rodríguez, Mónica Fernández, Carmen Nieto e Elvira Nercellas, escolleu como finalistas ao premio Youtubeira/o do ano a Anxo Sánchez, Neeumatiko e La Bisonte. ‘Toxío’, ‘Tonio Cociña Galega’ e ‘Fica Coa Bola’ competirán polo galardón á mellor canle. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, entre eles Santiago de Compostela; polas tres universidades galegas e pola Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para os seus oito premios. En total, 22 serán as propostas que disputarán os galardóns desta sexta edición, que dará a coñecer o seu palmarés o vindeiro sábado, 28 de xaneiro. Ese día, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras. A actriz e narradora oral Cristina Collazo será a presentadora e Laura Lamontagne & PicoAmperio encargaranse de lle pór música ao evento.

A organización de Youtubeiras destaca a concorrencia acadada neste 2022. Presentáronse a concurso 74 canles. Cómpre salientar que 45 delas non se inscribiran con anterioridade aos premios e gran parte son de recente creación. A cifra deste ano duplica a que se logrou en 2021, edición na que se postularon 38 canles. A estes datos hai que lles sumar as 39 canles que foron propostas por usuarios e usuarias das redes sociais para o Premio do Público. Dende o punto de vista cualitativo, a organización e o xurado sinala o alto nivel técnico que se rexistrou, así como a diversidade temática, o amplo rango de idades das persoas participantes e o potencial para se converteren en referentes da rede galega. Ano a ano, a comunidade creadora de contidos no Youtube no noso idioma medra en todos os sentidos, fornécese de novas voces que abordan todo tipo de materias e continúa a innovar con novos formatos.

O xurado desta sexta edición dos Premios Youtubeiras está conformado por Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio ao Youtubeira/o do ano na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Tras unha complexa deliberación, decidiuse escoller como finalistas do Premio Youtubeira/o do ano a Anxo Sánchez, neeumatiko e La Bisonte. Na categoría de Canle, as finalistas son Toxío, Tonio Cociña Galega e Fica coa bola.

O galardón de Youtubeira/o Revelación disputarase entre Marcos Borrageros, Histérikas Histórikas e Falemos do Reino de Galicia, mentres que o premio ao mellor Vídeo decidirase entre A Moura, de Contos de Santalla, Bury your gays (Enterra os teus homosexuais) - Investigación documental, de Henfunk Studio, e Eduardita, de Piratas sen parche.

O galardón á Calidade Lingüística conta como finalistas con Falemos do Reino de Galicia, Webserie Cóntallo a Cambados e Media Laranxa, mentres que o Premio Pioneiro decidirase entre Noticias Dispersas, Gallifrey Ceive e Pingando-Laura Veiga. O Premio Rede, destinado a aquelas canles coa capacidade de tecer comunidade, disputarase entre Proxecto R.E.D.E.S, A Lobeira today e Exército Mekemeke.

Por último, as persoas finalistas ao Premio do Público son BEMBIBRE coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez; Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño, da canle Orgullo Galego, e Eduardita, de Piratas sen parche. Precisamente o vídeo Eduardita, de Piratas sen parche, aspira a facerse con dous galardóns (Premio do Público e Vídeo), igual que Falemos do Reino de Galicia (Youtubeira/o Revelación e Calidade Lingüística).

7.500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras repartirán este ano 7.500 euros. Cada un dos galardóns conta cunha dotación económica de 1.000 euros, agás o Premio do Público, cuxa contía ascende a 500 euros. Será o xurado quen decida finalmente a proposta gañadora en todas as categorías, excepto no Premio do Público. Este galardón concédese por votación popular a través de medios dixitais e o xurado limitarase a dar fe do reconto.

Relación de finalistas por categorías

1. PREMIO CANLE

Toxío

Tonio Cociña Galega

Fica Coa Bola


2. PREMIO YOUTUBEIRA

Anxo Sánchez

Neeumátiko

La Bisonte


3. PREMIO VÍDEO

‘A Moura’, da canle Contos de Santalla

‘Bury your gays (Enterra aos teus homosexuais)’, de Henfunk Studio

‘Eduardita’, de Piratas sen parche


4. YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN

Marcos Borragueros

Histérikas Histórikas

Falemos do Reino de Galicia


5. PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA

Media Laranxa

Falemos do Reino de Galicia

Webserie Cóntallo a Cambados


6. PREMIO PIONEIRO

Noticia dispersas

Gallifrey Ceive

Pingado Laura Veiga


7. PREMIO REDES

Proxecto R.E.D.E.S.

A Lobeira Today

Exército Mekemeke


8. PREMIO DO PÚBLICO

‘Bembibre coas Tanxugueiras’, de Xabi Gómez e Sara

‘Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño’, de Orgullo Galego

‘Eduardita’, de Piratas sen parche



Compartir: