CULTURA

Cultura regalará un libro a aquelas persoas que merquen dous exemplares nas casetas de exposición durante a Feira do Libro de Santiago de Compostela

26/04/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, asinou un convenio de colaboración coa Agrupación de Libreiros de Santiago-Federación de Libreiros de Galicia por valor de 7.000 euros para o desenvolvemento da XXVI Feira do Libro de Santiago de Compostela, que se desenvolve dende o 27 de abril ao 6 de maio no paseo central da Alameda de Santiago.

O departamento de Cultura colocará por primeira vez unha caseta onde se regalará un libro a cada persoa que merque outros dous exemplares noutros postos que estean colocados na Feira. As obras coas que agasallará a concellaría serán aquelas publicacións que realizou ao longo dos últimos anos, como os de Poeta en Compostela, Biblioteca Compostela de Narrativa Europea ou outras publicacións infantís.

No acto de presentación, estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Carlos Corral, o presidente da Asociación de Libreiros de Santiago, Antonio Maira, e o xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez.

Rego salientou que espera que durante a celebración deste evento o parque da Alameda "se encha da maxia dos libros". Pola súa banda, Xaime Carlos Corral sinalou que a Feira do Libro deste ano vai contar cunha programación moi boa onde aparecerán representados todos os autores coas súas obras. Por último, Antonio Mira quixo resaltar a incorporación á Feira do Libro de actividades promovidas polos colectivos de discapacitados.

Compartir: