PLENO

O Pleno municipal aproba por unanimidade do Pacto polo Rural

21/12/2022 O Pleno do Concello de Santiago deu hoxe luz verde á aprobación do Pacto polo Rural, un documento que recolle unha serie de accións concretas a implementar entre o 2023 e o 2030 co fin de mellorar o estado actual do rural municipal. Tamén se aprobou o proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestructura verde da Cidade de Santiago "Entre Sar e Sarela".

Na sesión plenaria desta mañá, todos os partidos municipais votaron a favor da aprobación do Pacto polo Rural, que materializa o compromiso conxunto ao respecto das "accións mínimas a levar a cabo no rural de Santiago nun horizonte temporal de 8 anos, superando así os períodos de catro anos das lexislaturas e os tempos electorais, co fin de garantir a estabilidade mínima precisa".

Este documento, proposto a iniciativa da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (Ferusa), fixa como un dos obxectivos prioritarios o de "solventar as carencias en servizos básicos e asegurar a conservación e mantemento da rede viaria" empregando os fondos POS da Deputación da Coruña e fondos propios, así como asignar o "1% do orzamento anual" e outras achegas adicionais.

Os principios inspiradores do Pacto polo Rural son o equilibrio territorial entre as zonas rurais e urbanas, a sustentabilidade económica e a transversalidade nas políticas das distintas áreas. O documento recolle 35 accións agrupadas en 7 bloques temáticos: servizos básicos; planeamento; mobilidade; desenvolvemento sostible; medio ambiente, cultura, ocio e benestar; información, comunicación e participación; e seguimento.

Entre as accións detalladas nesta folla de ruta recóllense a de dotar aos núcleos rurais de servizos básicos de abastecemento de auga, saneamento, limpeza e xestión do lixo; moderar o sobrecusto na vida rural; así como mellorar a mobilidade e conectividade entre o rural e a cidade, como dentro do propio rural coa posta en marcha dun servizo de transporte a demanda ou a instalación de sinalética e marquesiñas.

Ademais, tamén se pretende promover un desenvolvemento económico sostible apoiando a creación de iniciativas empresariais e a economía circular; preservar e mellorar a calidade ambiental; mellorar a calidade de vida no rural co reforzo das actividades socioculturais ou a creación de sendas peonís e cicables; e afondar no achegamento da poboación urbana ao rural e evitar o illamento do rural acadando o 100% de acceso a internet a través da fibra óptica, entre outras medidas.

En concreto, o documento prevé que "para o ano 2023", o Concello faga unha achega "necesaria e suficiente para levar a cabo o subministro de auga ás aldeas con seca de manancial nos últimos tres anos e para a rede de abastecemento naqueles núcleos de poboación nos que resten menos de 500 metros ao punto de conexión"

Para garantir o seguimento do Pacto, o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, anunciou que no primeiro semestre do 2023 se constituirá o Consello do Medio Rural, no que estarán representados todos os grupos políticos con representación municipal e as asociacións de veciños do medio rural.

Rural compostelán

Con 220 km2 Santiago de Compostela é un dos concellos con maior superficie de Galicia, e o segundo en tamaño da provincia da Coruña, sendo máis do 86% da súa superficie netamente rural, xa que non se inclúe neste cómputo a superficie rural das parroquias máis próximas ao centro urbano, que poderían clasificarse de rururbanas. Esa cifra implica por si propia un territorio rural vastísimo. De 190 km2, extensión superior á de 289 dos 313 municipios galegos.

Do gran tamaño do rural compostelán da conta tamén, entre outros, a distancia desde o centro urbano ata os núcleos de poboación máis afastados, sendo así que, por exemplo, desde a praza do Obradoiro, ata o lugar de Pousada, na parroquia de Cesar, contabilízanse un total de 18.7 km, que supoñen case media hora en coche.

Por outra parte, o rural de Santiago de Compostela está conformado por 21 parroquias, incluíndo só as de carácter íntegramente rural, tal como queda dito máis arriba. Estas son: Aríns, Bando, Barciela, Busto, Carballal, Cesar, O Eixo, A Enfesta, Fecha (Santa Cristina), Fecha (San Xoán), Figueiras, A Gracia, Grixoa, Laraño, Marantes, Marrozos, Nemenzo, A Peregrina, A Sabugueira, Verdía e Villestro. Esas 21 parroquias rurais están conformadas por un total de 215 núcleos de poboación, e supoñen arredor do 15% da poboación total de todo o municipio.

Proxecto para a renaturalización

Tamén saiu adiante o proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestructura verde da Cidade de Santiago de Compostela "Entre Sar e Sarela". Este proxecto está previsto que se presente mañá, conxuntamente coa USC, á convocatoria de "Renaturalización de Cidades" da Fundación Biodiversidade.

Este proxecto ten como obxetivo impulsar a renaturalización urbana e a infraestrutura verde de Santiago, favorecendo a conectividade ecolóxica do Anel Verde Exterior coa trama urbana; e impulsando a rexeneración e recualificación de áreas degradadas e a renaturalizacion de espazos urbanos, logrando así unha mellor habitabilidade da cidade, e reforzando tamén a súa adaptabilidade aos efectos do cambio climático.

A primeira acción dentro deste proxecto será a elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático de Santiago, que fixará as directrices de intervención en espazos naturais de alto valor como é o caso das Brañas do Sar. Outras áreas da cidade nas que se actuará son o "Barrio Verde de Pontepedriña", a área verde no Barrio de Cornes, a Lagoa do Auditorio de Galicia, o Xardín Botánico e o Monte do Viso.

Documentos relacionados



Compartir: