EDUCACIÓN

Un traballo do IES A Cachada de Boiro gaña a XIV edición dos Premios Educacompostela

20/12/2022 O auditorio do Museo das Peregrinacións acolleu esta tarde a entrega de galardóns do XIV Premio Educacompostela, convocado polo Concello de Santiago en colaboración coa Nova Escola Galega para recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuir á innovación e a renovación pedagóxica do sistema educativo de Galicia.

No acto estaba presente o concelleiro de Educación, Rubén Prol e o presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra Muruais; e contou coas interpretacións musicais a cargo de Fernando Reyes e Mercedes Hernández, do grupo Resonet.
A esta edición presentáronse cinco traballos, entre os cales o xurado escolleu os tres mellores, que obtiveron un premio de 1200 euros, o primeiro; 900, o segundo; e 600, o terceiro.

Premiados
O primeiro premio recaeu no traballo titulado "BOIHAUS: un proxecto de bioarquitectura para ensino secundario" presentado polo IES A Cachada de Boiro.
O xurado destacou o "carácter innovador e interdisciplinariedade" do proxecto así como a súa "visión de futuro". Trátase dun traballo consolidado no tempo e que ten trazas de continuar no futuro, dando resposta a preocupacións medioambientais e á nova arquitectura urbana sostible.
O segundo premio foi para o traballo titulado "Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras" presentado por Coordinación de Igualdade do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O xurado salientou o interese da proposta en "visibilizar a figura feminina nos diferentes ámbitos do contexto xeográfico local, creando un recurso que pode resultar beneficioso alén da comunidade educativa". Ademais de que se trata dunha "actividade facilmente replicable noutros espazos".
En terceiro lugar quedou o proxecto "Xogamos? Unha porta á imaxinación", presentado por María Isabel González Piñeiro do IES Afonso X O Sabio da Coruña.
O xurado valorou o feito de que "se implique directamente na elaboración de materiais didácticos que terán proxección ao seren empregados por outros compañeiros e compañeiras do centro educativo". Este proxecto traballa os contidos de Xeografía e Historia (2º ESO) dunha maneira lúdica, personalizando unha colección de xogos de mesa.

XuradoXurado

O xurado desta edición estivo composto por Andrea Maroñas Bermúdez e Rosa María Vicente Álvarez, da Nova Escola Galega; Diana Pastoriza Espasandín, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Ana Guerra Cañizo, da Asociación Galega de Editoras; Raquel Mariño Fernández, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e Cristina Salgado Pato, técnica do Departamento municipal de Educación.

Compartir: