MOCIDADE

A nova edición do programa formativo Go2Work en emprendemento musical desenvolverase no Centro Xove da Almáciga

20/12/2022 O Centro Xove de Creación Cultural do Concello de Santiago acollerá o novo espazo de coworking Go2Work dedicado ao emprendemento musical que organizan a Escola de Organización Industrial (EOI) e a Fundación Paideia Galiza. Todas as persoas interesadas poderán inscribirse ata o 22 de decembro e participar de forma gratuíta neste programa de desenvolvemento profesional cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

O pasado mércores abreuse o prazo de inscrición para unha nova convocatoria do espazo coworking Go2Work organizado pola Fundación Paideia Galiza e a EOI e dirixida a persoas emprendedoras do sector musical que busquen definir o plan de negocio dos seus proxectos artísticos.

Esta acción formativa, que comezará o vindeiro 13 de xaneiro, está enmarcada nun convenio firmado entre a Fundación Paideia Galiza e a EOI para a posta en marcha de accións formativas dirixidas a emprendedores e emprendedoras musicais. Esta primeira edición de 2023 conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que porá a disposición do alumnado do curso o Centro Xove de Creación Cultural, un centro dedicado á creación musical que é xestionado a través da Concellaría de Mocidade.

O coworking Go2Work é un programa de desenvolvemento profesional sen custo para os seus participantes grazas á cofinanciación do Fondo Social Europeo, que ofrece unha formación especializada para a xestión de proxectos musicais a través de clases presenciais combinadas con titorías individuais.

Aberto o prazo de inscrición

Xa está aberto o prazo de inscrición a través da web paideia.es/coworking-santiago para todas aquelas persoas que desexen participar nesta iniciativa, que contará cun total de 60 horas formativas presenciais e de 40 de titorías individuais para cada un dos proxectos musicais participantes.

As sesións presenciais desenvolveranse os venres á tarde en horario de 16:00 a 20:00 h, e algún sábado pola mañá no Centro Xove de Creación Cultural, no barrio da Almáciga, un espazo do Concello de Santiago equipado con salas de ensaio e formación e con un estudio de gravación.

Participarán como relatores e titores, recoñecidos profesionais da industria musical como Carlangas, Baiuca e Manuel Colmenero (recoñecido produtor e director de Sonobox). O alumnado recibirá ademais formación na metodoloxía Lean Startup, que será impartida por diferentes expertos na materia.

Pódese ampliar información a través da páxina web da Fundación Paideia Galiza, do correo electrónico emprendimiento@paideia.com ou do teléfono 981 910 100 e da páxina web de EOI – Escuela de Organización Industrial.

O programa Go2Work é un espazo de traballo destinado a persoas emprendedoras e está concibido para incrementar as probabilidades de éxito dos proxectos participantes nunha fase inicial do seu desenvolvemento. Trátase dun programa pioneiro en España que ofrece unha formación especializada, combinando clases grupais e titorías individuais, e conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo.

Acerca da Fundación Paideia Galiza

A Fundación Paideia Galiza é unha organización galega, creada en abril de 1986. A misión da fundación é a de promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social, mediante a creación de propostas e proxectos innovadores e sostibles. Os eixes de traballo nos que centra a súa actividade son: discapacidade e emprego, xuventude e mobilidade, emprendemento, desenvolvemento territorial e formación e divulgación.

Acerca de EOI

Fundada no 1955, a Escuela de Organización Industrial (EOI) é a escola de negocios decana de España e unha das máis antigas de Europa. O seu obxectivo é formar líderes do cambio social a través da dixitalización, o emprendemento e a sostibilidade para contribuír á mellora da economía e das persoas.

Como fundación pública adscrita ó Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e coa cofinanciación do Fondo Social Europeo, impulsou os negocios de máis de 52.000 novos emprendedores en España e fundado a Red Nacional de 50 Espacios Coworking en distintas cidades do país, así como o proxecto de internacionalización European Coworkings e o coworking virtual Espacio 51.

Compartir: