DEPUTACIÓN

Saen a licitación as obras da senda peonil que mellorará a conexión entre Figueiras e Carme de Abaixo

16/12/2022 Con dous quilómetros e medio de percorrido, a senda contará cun investimento de case un millón de euros e un prazo de execución de nove meses. Trátase dunha "antiga demanda da veciñanza", segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, coa que "se mellora a seguridade para os peóns nesta zona de Santiago, ao tempo que se promove unha mobilidade máis sostible e se axilizan as comunicacións peonís entre o centro da cidade e o rural".

941.049 euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina a esta esperada actuación coa que se amplía a pavimentación da beirarrúa dereita da DP-7803, que pasa do medio metro actual a 2,80 metros de ancho, de xeito que quedaría unha beirarrúa de 1 metro e unha senda peonil de 1,80 para os veciños e demais peóns que empregan a vía.

Cun prazo de execución de 9 meses, as empresas teñen ata o 10 de xaneiro para presentar as súas propostas para mellorar a conectividade dunha vía que serve de acceso aos núcleos de poboación de Bar de Abaixo, As Moas de Arriba, Marmancou e Figueiras, e que conectará nalgúns tramos con camiños que se dirixen ou proceden do Monte Pedroso, nos que se rexistra un elevado número de camiñantes.

A nova senda executarase en mestura bituminosa en quente, un pavimento similar ao existente na actual calzada, agás en dous tramos puntuais nos que existen núcleos de vivendas (entre os puntos quilométricos 0+00 e 0+220 e 0+570 ao 0+790) nos que se optará por construír beirarrúas de formigón con bordo.

As obras inclúen o retranqueo dos postes que soportan tendidos aéreos de telefonía, electricidade e alumeado público, a reposición de dúas acometidas de gas, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical, entre as que figuran novas marcas viais con resaltos, delimitadores de carril de caucho con elementos reflectantes, captafaros cada 20 metros e barreiras de seguridade nas zonas de curvas; todo isto co obxecto de incrementar, ao máximo, a seguridade do tránsito de peóns. Tamén se prevé a reposición das cunetas e a mellora do sistema de drenaxe, con colectores de formigón, pozos de rexistro e sumidoiros.

Compartir: