IGUALDADE

"Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron" recupera a historia das mulleres a través das rúas da nosa cidade

15/12/2022 Esta mañá presentouse na libraría Couceiro o libro "Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron", escrito por Encarna Otero e con ilustracións de Luis Ruiz Padrón. A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, tamén estivo presente no acto de presentación desta publicación, que foi financiada polo Concello de Santiago.

A historiadora e política Encarna Otero e o debuxante malagueño Luis Ruiz Padrón, acompañados pola concelleira Mercedes Rosón, presentaron esta mañá na Libraría Couceiro o seu traballo "Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron", un proxecto de Patito Editorial que inclúe unha web, unha exposición e un roteiro audiovisual de 19 mulleres vinculadas á cidade de Santiago. Trátase dun proxecto financiado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago.

Este iniciativa nace dos paseos literarios que Otero leva anos realizando pola cidade de Santiago, e busca situar a unha muller en cada un dos espazo, explicando a importancia da mesma dentro dese enclave e o que supuxo o seu labor dentro deste contexto.

En total neste libro faise unha análise da figura de 19 mulleres cun papel destacado en distintos ámbitos da cultura, o traballo, a política… Entre elas a escritora Concepción Arenal, a directora do IES Rosalía de Castro Pura Lorenzana, a farmacéutica M.ª del Portal Panisse, a pintora Elvira Santiso ou a pianista Rosita López Comunión. O proxecto parte cun libro onde se recollen esas biografías e unha ilustración da rúa onde estas mulleres desenvolveron a súa vida. As ilustracións están realizadas en acuarela polo debuxante malagueño Luis Ruiz Padrón e todas elas poderanse ver nunha exposición no Casino de Santiago a partir do día 16 de decembro.

Ademais realizouse unha páxina web onde se presentan 19 vídeos nos que a historiadora Encarna Otero nárranos a vida destas mulleres, un traballo de máis dunha hora de duración que recrea a través de imaxes a importancia que elas tiveron na historia.

Compartir: