BENESTAR SOCIAL

Down Compostela inaugurou a súa nova sede

26/04/2007 As novas instalacións de Down Compostela foron inauguradas na súa ubicación no barrio de Conxo, na rúa Alejandro Novo González. O edificio, de 1.000 metros cadrados de superficie, supón un salto cualitativo para a Asociación e para a Fundación Down Compostela, "xa que nos permitirán prestar unha atención de calidade ás persoas con síndrome de Down de Santiago e da súa área de influencia", explicou o presidente da entidade, Juan Martínez.

No acto da inauguración participaron, entre outros, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino; o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, así como representantes das empresas patrocinadoras.

As obras comezaron no mes de outubro de 2005, nunha parcela cedida polo Concello de Santiago, e foron adxudicadas á empresa Ferrovial Servicios (Ferroser). O 16 de decembro do mesmo ano colocábase a primeira pedra.

O edificio conta con zona de administración tanto para a Asociación e Fundación Down Compostela como para a Federación Down Galicia, así coma un salón de actos de 225 metros cadrados. Noutra das plantas sitúanse as doce salas de atención "nas que poderemos por en marcha, ademais dos xa existentes, novos programas que faciliten a plena integración das persoas con síndrome de Down na sociedade na que viven", conclúe o presidente de Down Compostela.

Ademais da colaboración do Concello de Santiago, da Vicepresidencia da Xunta e da Deputación da Coruña, "en Down Compostela temos contado co apoio de empresas colaboradoras que fixeron posible a realización deste proxecto", indica Juan Martínez. Entre estas firmas colaboradoras están Ferrovial Servicios, Obra Social de Caja Madrid; Obra Social de Caixa Galicia, Obra Social de la Caixa, Publiespaña, Fundación ONCE, Fundación SEUR, Grupo Lar, Grupo Correo Gallego e Cadena Ser.

Compartir: