ALCALDÍA

O alcalde congratúlase de que Galicia vaia albergar a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

05/12/2022 "Nós contribuímos cos medios que tiñamos ao noso alcance para apoiar a alternativa de A Coruña e congratulámonos de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial se instale en Galicia". Con estas palabras, o alcalde celebra a decisión do Consello de Ministros de ubicar este órgano en Galicia no marco do proceso de descentralización administrativa.

Explica o alcalde que, desde o minuto un "dixemos que, non sendo Santiago, a candidatura preferible era A Coruña" motivo polo que, "reivindicando o papel de Santiago como capital de Galicia" desde o momento en que o Nodo GalicIA escollera a cidade herculina como candidatura galega, e "a pesar de diferir no proceso de elección" decidiuse apoiar unha candidatura única retirando a de Santiago e poñendo a disposición desa candidatura os recursos de Compostela.

Tanto é así que, moitos dos elementos que se empregaron para xustificar a candidatura coruñesa enmárcanse dentro do termo municipal de Santiago e, polo tanto, ían ser empregados na proposta compostelá: desde servizos de titularidade autonómica como o Centro de Supercomputación de Galicia ou a AMTEGA; outros dependentes da USC e incluso o aeroporto Rosalía de Castro.

Compartir: