URBANISMO

O Goberno Municipal ten previsto aprobar este luns a primeira fase das axudas para a colocación de ascensores en edificios de áreas de rehabilitación integral

03/12/2022 O Goberno Municipal de Santiago levará este luns a Xunta de Goberno a proposta de aprobación do procedemento de concesión da primeira fase de subvencións en especie para a mellora da accesibilidade en promocións de vivendas do século pasado, localizadas en barrios e áreas de rehabilitación integral. En total, esta liña de axudas conta cun orzamento de 970.900 euros, con cargo aos fondos EDUSI; dos que 84.000 se destinan a esta primeira fase.

En concreto, estes 84.000 vanse destinar á elaboración da documentación técnica preceptiva necesaria para intervencións e instalación de elementos que melloren a accesibilidade, como poden ser os elevadores. O prazo de presentación das solicitudes será de un mes contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Segundo os informes da oficina de rehabilitación do Concello de Santiago de Compostela, poderían optar a estas axudas 199 edificios e 2.024 vivendas. Pertencen a 13 ámbitos, os cualificados como ordenanza 9A do PXOM: actuacións unitarias consolidadas (variante de vivendas colectivas) de mediados do século pasado correspondente a conxuntos edilicios residenciais orixinalmente de promoción pública. Constitúen tipoloxías de edificios sen elevador e sen unha adecuación térmica básica segundo os actuais estándares de confort.

Corresponden ao grupo de vivendas Nosa Señora de Belén (A1), as situadas na Av. de Castelao e na rúa de Alexandre Bóveda (A2); as da rúa de Carlos Maside e a de Irmandiños (A3); as avenidas de García Lorca, de Castelao e a rúa de Celso Emilio Ferreiro (B4); as rúas de Blanco Amor e de Otero Pedraio (A5), todos localizados na zona de Vite; e tamén ás vivendas do grupo Cardenal Quiroga Palacios e Compostela (A6) -no barrio de Pontepedriña-; as vivendas da rúa do Penedo dos números 56 ao 58 (A7); o grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola (B8) -próximas ao CHUS-; o grupo de vivendas Diego Xelmírez (A9); a cooperativa de aviación civil da Av. de Salamanca e rúa de Oviedo (A10); a vivenda colectiva Emprazados na Praza de Ultreia (A11); a avenida de Salamanca, nos números 12 e 14 (A12) -estes tres últimos ámbitos na zona de Xoan XXIII-; e Casas de Ramírez (B13) -no Ensanche-.

Nesta convocatoria, as axudas son en especie. É dicir, o Concello aportaría o 100% da contía das actuacións subvencionables. As solicitudes deben realizarse a través da oficina de rehabilitación do concello de Santiago. Deberáias solicitar a Comunidade de propietarios por unanimidade. Terán preferencia as solicitudes que resolvan a accesibilidade do maior número de edificios ca execución dun único elevador; e a continuación, as que resolvan a accesibilidade do maior número de vivendas ca execución dun único elevador. Tamén se terán en conta distintos puntos relacionadas coa execución e coa orde de presentación de solicitudes. Segundo os cálculos da oficina de rehabilitación, con estes 84.000 euros podería elaborarse a documentación técnica dunhas 98 vivendas.

Os benficiarios desta primeira fase do programa están obrigados, no caso de existir dispoñibilidade orzametaria, a solicitar a segunda fase da actuación, que sería a colocación do elevador. En total, esta liña de axudas conta un orzamento próximo ao millón de euros, 970.900 euros, dos que 84.000 se destinan a esta primeira fase. As actuacions subvencionables comprenden a redacción de proxectos e demais documentación técnica preceptiva na primeira secuencia, e, naqueles casos que pasen a segunda secuencia, a execución da totalidade das obras, xunto coa correspondente dirección facultativa, precisas para garantir a resolución da accesibilidade do edificio e a disposición das instalacións para a súa posta en marcha. Unha vez rematada a actuación, entregarase en especie o elevador e/ou os restantes elmentos de accesibilidade a cada comunidade ou agrupación de persoas.

Este programa de rehabilitación está incluido na "Estratexia de desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela" cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% correspondendo o restante 20% á achega municipal.

Compartir: