TURISMO

Santiago promociónase en Barcelona como destino para viaxes de incentivo e eventos corporativos

01/12/2022 O Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB) manterá máis de 50 reunións con organizadores de encontros profesionais no IBTM World, entre o 29 de novembro e o 1 de decembro.

Turismo de Santiago, a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de congresos, o Santiago de Compostela Convention Bureau, participa na Feira Internacional IBTM World, un dos principais encontros profesionais internacionais do sector dos Congresos, Xornadas, Reunións e Eventos, que se celebra en Barcelona entre o 29 de novembro e o 1 de decembro.

Nesta edición do IBTM World participan máis de 2.200 expositores, procedentes de 100 países. Tamén participarán máis de 10.000 profesionais no evento, superando as cifras do 2019 previas a pandemia, nunha sinal da recuperación global que está vivindo este sector que se prolongará a curto e medio prazo. O obxectivo é continuar consolidando a Santiago como destino de congresos e reunións non só de ámbito español senón tamén internacional.

Neste sentido, o sector de congresos en Santiago no último cuatrimestre do ano está tendo unha actividade importante, con máis de quince congresos e reunións importantes, que superan os 10.000 participantes, cun importante novel de gasto medio por persoa.
Así, no pasado mes de outubro, Santiago conseguiu alongar a temporada alta con máis de 160.000 pernoctacións, grazas en boa medida á celebración de importantes congresos e reunións durante ese mes, entre os que se poden destacar o XIII Congreso Nacional de Hostelería Hospitalaria, o XII Congreso Estatal de Escuelas Oficiales de Idiomas, o XII Congreso de la Asociación Española de Climatología ou o 6th International GEIVEX symposium, organizado polo Grupo Español de Investigación e Innovación en vesículas extracelulares.

A previsión para o ano que ven é que continúe a forte reactivación do sector congresual na cidade, en especial no último cuatrimestre de 2023, de tal xeito que o sector do turismo de congresos continúe sendo unha ferramenta estratéxica para alongar a temporada alta na cidade máis aló dos meses centrais do verán cun perfil de turista de alto valor engadido.

Compartir: