CULTURA

Cultura asina un convenio de colaboración coa Sala Nasa

25/04/2007 A Concellaría de Cultura de Compostela asinou un convenio de colaboración dun total de 60.000 euros coa Sala Nasa. No acto, estiveron presentes o responsable do Departamento, Néstor Rego, e Xesús Ron, da Sala Nasa.

Rego sinalou que este é o terceiro ano consecutivo no que a Concellaría de Cultura firma un convenio coa Sala Nasa, e que nesta edición a contía é superior a edicións pasadas, ata chegar aos 60.000 euros, polo feito de que se celebran os 15 anos do seu nacemento como espazo independente.

Ademais, engadiu, a Sala Nasa é "un espazo que se caracteriza pola súa actividade de vangarda, por unha produción e creación constantes, e pola promoción de novos artistas". A este respecto, afirmou que na actualidade "é preciso asumir novos retos, novas dinámicas nas que Compostela se sitúe como referencia cultural, un traballo que precisa a colaboración en equipo das institucións públicas e dos espazos e organizacións privadas, como pode ser o caso da Sala Nasa".

Pola súa banda, Xesús Ron indicou que a firma deste convenio "é fundamental, porque nos fan participar, ás asociacións e entidades culturais, nun proxecto común de cidade". Ademais, sinalou, que se trata dun modo de mostrar a cultura como acción social.

Este convenio permitirá, á Sala Nasa, programar unha serie de actividades que se distribúen en catro apartados. Por un lado, o apoio a novos creadores, prestando as súas infraestruturas para que artistas novos presenten o seu traballo. En segundo lugar, atópase a difusión das novas linguaxes escénicas, baixo o Programa de Zona Alternativa. Portugaliza, que achega unha visión da cultura portuguesa máis alá dos tópicos, sería o terceiro punto do programa.

En último lugar, estarían os actos relativos aos 15 anos do seu nacemento, que contarían cunha exposición itinerante que recolla todo o material xerado dende o 1992, e cunha edición dun libro e dvd, centrada na experiencia da Ultranoite.

Compartir: