AUDITORIO

Homenaxe portuguesa no Auditorio de Galicia

25/04/2007 A Real Filharmonía de Galicia recorda cun concerto o aniversario da Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974. Baixo a batuta de Jesús Amigo, o piano de Jorge Osorio e a voz de Ana Häsler, a orquestra compostelá repasa o 26 de abril temas portugueses bastante descoñecidos.

Portugal conmemora o 25 de abril os seus 33 anos en democracia e a programación do Auditorio de Galicia quere facer o seu particular recordo ao país veciño, incluíndo no repertorio da Real Filharmonía as "Cancións portuguesas", de Ernesto Halffter e a composición "Encruzilhada", do compositor luso Braga Santos.

Para a ocasión, chega a Santiago a xenialidade e virtuosismo do pianista mexicano Jorge Federico Osorio, considerado un dos máis eminentes músicos dos nosos tempos. A peza elixida que interpretará esta noite é o "Aubade", de Poulenc, compositor francés de cuxa música falan os expertos como unha melodía lixeira á vez que satírica, unhas notas influenciadas polo jazz bailable, tan de moda no París dos anos 20 no que desenvolveu a súa creatividade.

En setembro de 2006, Osorio acompañou á Real Filharmonía na súa xira por Sudamérica e na súa tarxeta de visita destacan concertos coa Concertgebouw de Amsterdam, coa Filharmónica de Israel ou coa Orquestra da RTV Española. O seu vencello con Galicia é moi especial, xa que foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, en 2003.

Un programa orixinal

O concerto contará co director da Orquestra de Extremadura, Jesús Amigo, un dos principais directores españois actuais. Fillo dun violinista da Orquestra Sinfónica de Bilbao, aos sete anos comezou os seus estudos musicais, que se verían completados cos anos grazas aos mestres Enrique García Asensio, Antoni Ros Marbá e Sergiu Comissiona. Director moi involucrado coa creación actual, asiduamente estrea, encarga e investiga o repertorio máis descoñecido do século XX. De feito, neste concerto, o público santiagués descubrirá unha peza do seu último disco, "Encruzilhada", do compositor portugués Joly Braga Santos.

Pola súa parte, Ana Häsler, nacida en Cuba, será a protagonista na segunda parte do concerto, interpretando as "Cancións portuguesas" de Ernesto Halffter, vencellado culturalmente á Xeración do 27 e cunha profunda admiración por Portugal, froito do seu matrimonio coa pianista portuguesa Alicia Cámara Santos. Grande foi sempre o seu recoñecemento polo folclore do país veciño, e en especial polos fados.

Häsler, alumna de Teresa Berganza, é unha das voces máis prometedoras no panorama artístico español, protagonista de varias óperas e estreas, como "Canciones con texto de Lorca", de Paul Bowles. En 2003 participou na gravación mundial da Ópera Don Quijote, de Cristóbal Halffter.

Compartir: