CAMIÑO DE SANTIAGO

Inaugurada a Praza da Concordia

26/05/2005 No parque de San Lázaro, no tránsito dos peregrinos que rematan a súa andaina, a Praza da Concordia quere evocar o espírito esencial do Camiño, polo que foi recoñecido co Premio Príncipe de Asturias da Concordia.

En cumprimento do acordo plenario do pasado 31 de marzo o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto no que se designou con nome de Praza da Concordia ao espazo situado no parque de San Lázaro, arredor da escultura Porta itineris sancti iacobi, na entrada do Camiño de San Lázaro. No acto, no que estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Pérez Varela; o delegado do goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, e o Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, entre outras autoridades, plantouse unha oliveira, símbolo da paz, e descubriuse unha placa co nome da praza.

No camiño por onde transitan os peregrinos tamén foi descuberta unha placa que lembra a celebración da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento que se está a celebrar nestes días. Precisamente foron os organizadores desta Conferencia os que solicitaron ao alcalde, no pasado mes de marzo, que se designara unha praza da cidade co nome da Concordia, proposta que foi aceptada pola Corporación.

Unha solidaria lembranza dos feridos no atentado de Madrid

A praza da Concordia, quere ser unha homenaxe aos peregrinos e un estímulo para a convivencia. Coindicindo coa celebración da Conferencia Mundial pola Paz ea Universidade de Santiago de Compostela, acordouse tamén crear unha Cátedra da Concordia, unha iniciativa xurdida tamén no marco da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, e que terá por obxecto o fomento da investigación no ámbito social e das neurociencias e a creación dun fondo documental sobre concordia e solidariedade, así como o apoio a todo tipo de actividades relacionadas coa paz.

No acto de inauguración deste simbólico espazo da cidade Sánchez Bugallo tivo unha especial lembranza para os feridos no atentado perpetrado en Madrid o mércores, 26 de maio, sinalando que "cada atentado nos doe profundamente como se fora o primeiro e o único" e subliñando a fortaleza da sociedade española na defensa das liberdades democráticas, da paz e da convivencia.

Homenaxes a peregrinacións institucionais

A Praza da Concordia acolle as homenaxes realizadas ao longo do pasado Ano Xubilar por distintas peregrinacións institucionais organizadas polo Concello e plasmadas en placas sobre o propio Camiño. Entre elas destaca a peregrinación dos alcaldes das sete cidades de Galicia, que ofrendaron o incenso consumido polo botafumeiro durante o pasado ano, a peregrinacións dos oitenta alcaldes dos pobos e vilas dos oito Camiños de Santiago, a peregrinación dos membros do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade ou a peregrinación das primeiras autoridades de Córdoba con motivo da ratificación do irmandamento coa cidade de Santiago de Compostela.

A pequena praza rodea a escultura realizada con motivo do Ano Xubilar 2004 por Cándido Pazos, que distingue desde entón a entrada dos peregrinos a Compostela en San Lázaro. Denominada Porta itineris sancti iacobi, esta monumental peza realizada en granito e bronce ten unha altura de 16,5 metros e contén as imaxes de vinte peregrinos ilustres, entre eles o Papa Xoán Pablo II.

Personaxes históricos que se poden contemplar na peza son Teodomiro de Iria, o bispo Gotestalco, Galtier Guiffard, Diego Xelmírez, Dante Alighieri, Santa Brígida, León de Rosminthal, Roberto Langton, Isabel de Lucerna ou Alfonso II O Casto, entre outros.

Compartir: