IGUALDADE

Compostela en Negro lembrará ás vítimas de feminicidio a través de realidade aumentada

21/11/2022 A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou hoxe as accións da campaña Compostela en Negro de cara ao 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Baixo o lema "Por ti, por min, por todas. Nin unha máis", a campaña deste ano ten como obxectivo lembrar, a través da realidade aumentada, a todas as mulleres asasinadas por violencia machista este 2022.

O Concello de Santiago acolleu esta mañá a presentación das actividades programadas para este 25N no marco da campaña Compostela en Negro. No acto estivo presente a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada da deseñadora da campaña Uqui Permui, quen explicou que este ano "pensando en que será o punto final da acción, queremos amosar a luz fronte ao negro e facer brilar o triángulo –símbolo das mulleres–, tanto como sinal de futuro e de forza como de homenaxe ás mulleres vítimas do feminicidio".

Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón recordou que "no que vai de ano, segundo datos oficiais, foron asasinadas en España, 38 mulleres e 26 nenos e nenas quedaron orfos, mais somos conscientes de que ese número é maior e que son máis as que morren por violencia machista cada ano. Non podemos dar tregua e permitir que siga existindo, nunha sociedade contemporánea, este grao de violencia contra as mulleres polo simple feito de ser mulleres".

Un memorial ás vítimas a través de realidade aumentada

Nos últimos dez anos, máis de 1.000 mulleres foron asasinadas por violencia machista en España, 38 no que vai de 2022 como indicou Mercedes Rosón. María Jesús, Sara, Mónica, Claudria, Mercedes, Isabel, María Ángeles, Victoria, Natalia… son algúns dos seus nomes.

Compostela en Negro propón neste 25N un memorial que emprega a realidade aumentada e se pode activar mediante o código QR impreso nos carteis e nos adhesivos que estarán visibles nos comercios, bares e establecementos da cidade co fin de lembralas a todas elas e reivindicar que a cada agresión agrome unha maior sensibilidade social, porque o que non se nomea, non existe.

"Propoñemos implicar á cidadanía, que collamos o noso teléfono móbil e activemos a realidade aumentada onde os nomes das mulleres voan ata o triángulo para del xurdir o lema deste ano: "Por ti, por min, por todas… Nin unha máis", explicou Uqui Permui.

Reparto dos materiais

Ao igual que nos anos anteriores, a Concellería de Igualdade está a repartir entre o comercio compostelán carteis e outros materiais de visibilización da campaña para cubrir os seus escaparates de negro.

Alén dos establecementos, Compostela en Negro tamén pon a disposición de toda a cidadanía un pack da campaña formado por cartel, vinilos e camisola que calquera que o desexe pode recoller na Casa Xohana Torres dende mañá, día 22, e ata o propio venres 25 en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h (ata rematar existencias).

"Queremos transmitir a toda a veciñanza e aos establecementos un enorme agradecemento pola participación todos estes anos na acción Compostela en Negro, e animamos a continuar coa mesma implicación neste 25N", finalizou Mercedes Rosón.

Compartir: