BENESTAR SOCIAL

"Viradeiras": un testemuño sobre a solidariedade galega

25/04/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición "Viradeiras" no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. Esta mostra pretende facer visible o labor das organizacións sociais e persoas que traballan en Galicia para alcanzar unha sociedade mellor.

A mostra, iniciativa da Obra Social de Caixa Galicia, está organizada ao redor de cinco áreas temáticas: infancia, maiores, discapacidade, inmigración e integración. Achegará ao público a realidade e os avances de cada unha delas a través das historias dos seus protagonistas.

Ademais da exposición fotográfica e informativa do centro do Ensanche, o proxecto complétase cunha serie de soportes expositivos na Praza Roxa, que potencian a forza transformadora dos protagonistas de "Viradeiras".

En Galicia, máis de 800 organizacións sociais traballan polos dereitos, pola participación e pola integración dos diferentes colectivos, mellorando a súa calidade de vida, suprimindo barreiras, dando atención, promovendo a formación e o emprego ou impulsando programa de lecer, cultura, prevención ou saúde pública.

As cifras din, por exemplo, que o 21,9% dos cidadáns ten máis de 65 anos ou que o 8,2% dos galegos ten unha discapacidade. Ademais, máis de 5.000 nenos e adolescentes están en situación de acollemento ou tutela e o 15% da poboación viven nunha situación de precariedade económica. Todos eles precisan do traballo de todas estas organizacións que agora se presentan nesta exposición.

Compartir: