O Xulgado estima o recurso do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia sobre a gasolineira de Brandía

11/11/2022 O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela acaba de ditar unha sentenza pola que, a instancia do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, anula a licencia de obras que o Concello de Santiago concedeu a Carburantes Lugo S.L. para a construción dun edificio comercial e unha unidade de subministro de carburantes no Paseo de Esvedro- Paseo de Amaia, en Brandía.

O Concello estudará a sentencia pero, en principio, descarta o recurso.

A decisión xudicial, contra a que cabe a interposición dun recurso de apelación, dálle a razón ao Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), no seu preito polas competencias profesionais para elaborar proxectos de gasolineiras fronte ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

Trátase dun litixio meramente formal e accesorio, no que non estaba representada a veciñanza da urbanización, contrarios a que a gasolineira se situara alí. A sentenza anula o acordo da XGL con data do 29 de novembro de 2021 no que se lle concedeu a licencia de obra a Carburantes Lugo SL, para a construción dunha gasolineira segundo o proxecto básico e de execución redactado por unha arquitecta e con visado do COAG.

O Concello admitira o proxecto porque contaba con ese visado mais, agora, sendo a sentencia apelable e discutible, o maxistrado dálle a razón ao ICOIIG, censurando que o proxecto complementario estivera elaborado por un enxeñeiro técnico, en lugar dun enxeñeiro industrial superior que é "o único técnico competente para elaborar un proxecto de construción e posta en funcionamento dunha estación de subministro de combustible".

Así as cousas, o proxecto complementario co que contaba a gasolineira de Brandía "non confire validez á licencia de obras", polo que o xuíz declara a nulidade da mesma. Así, unha vez firme a anulación, esta implicará o cese das obras e/ou actividade e obrigará a proceder coa demolición do xa edificado, construído e instalado en base a dita licencia ilegal.

O Concello estudará a sentencia

Desde o Concello, en consonancia coa vontade amosada en todo momento polo equipo de goberno, e atendendo ás indicacións dos servicios xurídicos municipais, a intención inicial é non recorrer a sentencia que obriga á administración local a asumir a demolición do edificio e as costas do litixio.

O concello acordara conceder a licencia en XGL en 2021, porque contaba con tódolos informes técnicos favorables á súa concesión e porque se entendía que respectaba o recollido na Lei de Hidrocarburos que establece que tódolos solos clasificados para uso comercial ou industrial, como é o caso, teñen como actividade compatible a económica de subministro de combustible. Mais, xa nese momento, o alcalde explicara que a decisión tomárase "por obriga legal".

Agora, atendendo esta nova sentencia, nun debate ata ese momento non plantexado, a folla de ruta será estudar as alternativas de actuación mais, tendo en conta, que se trata dun proxecto ao que se opón a veciñanza e que nunca contou tampouco co favor do equipo de goberno, a posición de partida é descartar ese recurso.

Compartir: