CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugúrase o novo Centro SocioCultural Maruxa e Coralia no casco histórico de Santiago

09/11/2022 O CSC Maruxa e Coralia abriu hoxe as súas portas para toda a veciñanza do casco histórico nun novo espazo renovado na praza Salvador Parga que substitúe o antiguo local situado na rúa Santa Cristina. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañados do historiador Ricardo Gurriarán e Carmen Amalia Rabuñal, representante da Asoc. Cultural San Martiño Pinario, inauguraron esta tarde ás 18 horas as novas instalacións.

Coa apertura deste novo espazo sito na praza Salvador Parga, o Concello pretende dar resposta a unha vella demanda veciñal e asociativa, poñendo á disposición da cidadanía un espazo de encontro cun amplo programa de actividades dirixido a persoas de todas as idades.

Ademais, desde hoxe, o novo CSC tamén acollerá unha exposición dedicada á figura de Florencio Delgado Gurriarán, escritor galego homenaxeado este ano polo Día das Letas Galegas. Todas as persoas interesadas poderán achegarse e coñecer máis de preto a súa vida e obra a través dos paneis instalados, así como os manuscritos orixinais e outras pertenencias e obxectos do autor.

CSC Maruxa e Coralia
O novo espazo ofertará actividades formativas centradas na aprendizaxe e manexo das novas tecnoloxías, así como aquelas dedicadas ao baile tradicional, canto, pandeireta ou encaixe bolillos. Pequenos e maiores terán tamén a oportunidade de aprender a xogar ao xadrez ou a pintar, usar os xogos de mesa, ler a prensa ou organizar reunións asociativas, encontros e tertulias.

O CSC Maruxa e Coralia tamén porá en marcha clubes de lectura para tódalas persoas afeccionadas aos libros, así como roteiros e saídas culturais pola cidade. O novo espazo tamén acollerá exposicións e outras propostas que irán variando por tempadas.

Acto inaugural
Durante a inauguración, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que as tres peticións da veciñanza da cidade histórica, tres temas que estaban sobre a mesa, as que se comprometeu o Goberno Municipal, fibra óptica, o remate da peonalización da améndoa da Cidade Histórica, coa peonalización de Mazarelos, e un centro sociocultural para a Cidade Histórica, leváronse a cabo. O rexedor agradeceu á fundación Abanca o seu papel no acordo para hoxe ter rehabilitado o CSC Maruxa e Coralia.

No mesmo sentido se pronunciou a concelleira de Cidade Histórica. Mercedes Rosón subliñou que se cumpre unha débeda histórica, unha promesa feita coa apertura á cidade de Santiago deste espazo, "encontro e relación da veciñanza do corazón de Compostela". Lembrou que o último CSC se inaugurou en 2012, e que agora "este goberno retoma a política de crear espazos de convivencia como este". A concelleira agradeceu o labor desenvolvida polo persoal dos CSC e do departamento de obras, con mención especial ao concelleiro Javier Fernández e á veciñanza "pola súa paciencia e constante colaboración".

Na inauguración, interviron, por este orde, Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade; Ricardo Gurriarán, historiador, e comisario da mostra de Florencio Delado Gurriarán que se inaugura tamén hoxe neste espazo; Carme Rabuñal, representante da Asociación Cultural San Martiño Pinario e Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela.

Ao acto inaugural tamén asistiron os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte; de Políticas Socias, Mila Castro; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e de Economía e Facenda, Marta Abal. Tamén estaban os portavoces dos grupos da oposición, José Antonio Constenla, polo PP; María Rozas, por Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, polo BNG.

Edificio
O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia atópase nun edificio de tres andares, con fachada á Praza Salvador Parga e un patio traseiro delimitado por muros de mampostería adicado a xardín. Obra do arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gai, o proxecto orixinal constaba de dúas plantas e o edificio estaba destinado a Casa Monte de Piedade. Posteriormente, o edificio reformouse, ampliándose unha altura.

O Concello de Santiago rehabilitouno recentemente por 263.116,21 euros, para adaptalo a local sociocultural, cunhas instalacións acordes ás necesidades do servizo de actividades socioculturais e ás asociacións veciñais.

Na primeira zona atópase a recepción, unha oficina, dous aseos (un deles adaptado) e a sala de lectura e posto informáticos. Na zona posterior, vinculada ao xardín, atópase un gran espazo diáfano a modo de sala polivalente e sala wifi no que se manteñen os alicerces de fundición como referencia á obra orixinal do arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gai. Os ócos de fachada levan até a cota do pavimento, convertendo as xanelas existentes en portas que comunican co xardín. Nesta segunda zona sitúanse tamén a aula 1, ou aula polivalente e o almacén.

Finalmente, na zona de xardín, procedeuse á apertura dun oco e á construción dunha pequena rampla a modo de saída de emerxencia que comunica co xardín do Pazo de Amarante.

Compartir: