PARQUES E XARDÍNS

O Concello repartirá alegrías e plantas dos xardíns municipais para que poidan ter unha segunda primavera

09/11/2022 Leva unha planta! é a iniciativa coa que a Concellería de Parques e Xardíns pretende darlle unha nova vida de flor ás plantas dos parterres e parques municipais. Organizarase un primeiro gran reparto de preto de 500 flores a partir do venres 11 ás 11.00h no Paseo dos Leóns da Alameda, onde as veciñas e veciños poderán recoller a súa planta e levala para o seu domicilio: "queremos encher as casas de toda a veciñanza de cores" explicou a concelleira Mila Castro.

Como todos os anos, co cambio de estación, ten que mudar a estampa floral da cidade porque co frío "as flores que hai actualmente secarían e se queimarían" e a intención do Departamento de Parques e Xardíns é que esas plantas teñan un novo lugar para volver florecer.

Trátase de alegrías, que se repartirán entre a veciñanza en macetas cun prospecto no que se indica que se debe conservar "nun lugar protexido do frío para que a próxima primavera floreza de novo". O espazo que deixan esas especies de verán será ocupado agora polos bulbos de inverno, narcisos e tulipáns, que florecerán para marzo ou maio.

A concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro, explicou que ata o de agora esas plantas destinábanse á compostaxe, mais este ano "os profesionais que coidan os nosos xardíns terán que buscar abono noutra parte, porque as plantas, imos repartilas entre todos os veciños e veciñas de Compostela". A campaña iníciase este venres e terá continuidade a partir do luns.

Na rolda estivo tamén o xefe de Parques e Xardíns, Gregorio López, que deu algún detalle sobre como deberán coidar as plantas as veciñas e veciños que leven unha á súa casa. López explicou que as plantas ao ser retiradas do exterior ao interior sufrirán "certo nivel de estrés" porque "o seu nivel de humidade vai baixar" polo que será "imprescindible que manteñan as raíces húmidas". Tamén indicou que no caso de romper algunha rama "o convinte será sacarlla para evitar que podreza na maceta e se estenda ao resto da planta".

Concienciación da cidadanía

A campaña ten ademais a súa vertente social e de concienciación cidadá: "búscase que a xente se decate do traballo que supón coidar unha planta nunha contorna que non é a súa" explicou a edila. Mila Castro, confía en que, ao tomar conciencia dos coidados que requiren especies como a que se vai a repartir entre a veciñanza, se xere un maior compromiso no respecto e valoración do traballo que fan os profesionais do departamento que dirixe.

Compartir: