CULTURA

Cultura asina un convenio de colaboración coa asociación cultural musical Solfa

24/04/2007 A Concellaría de Cultura asinou un convenio de colaboración por valor de 6.000 euros coa asociación cultural musical Solfa. No acto, estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a presidenta da asociación, Lucía Carreira.

Néstor Rego sinalou que este convenio con Solfa é un elemento positivo na medida en que continúa a liña de axudas coas asociacións e entidades culturais que operan na cidade. Esta liña de traballo está a medrar cada ano. Na actualidade son xa un total de 15 asociacións, que suman unha contía total de máis de medio millón de euros.

Ao respecto de Solfa, Rego indicou que é unha das tres asociacións que se incorporaron este ano, xunto ao Museo do Pobo Galego e a Fundación Rosalía de Castro. O titular de Cultura eloxiou o traballo da asociación musical, que presenta unha programación de calidade.

Pola súa banda, Lucía Carreira apuntou que a contía da axuda vaille permitir á asociación ampliar as actividades, entre as que destacou varias audicións, concertos didácticos, actuacións da coral ou intercambios con outras asociacións, entre outros.

Compartir: