2.500 metros percorrerán este sábado os máis de 300 participantes do XXI Ciclocross Cidade de Santiago

27/10/2022 Será este sábado 29 de outubro cando máis de 300 ciclistas chegados das catro provincias galegas e de fora da nosa comunidade, de entre 14 e 69 anos, pedalearan os 2.500 metros de circuíto do Cicloross Cidade de Santiago, unha "cita xa clásica no calendario dos grandes eventos deportivos que acolle a nosa cidade e que atrae a centos de afeccionados desta disciplina ciclista" apunta a concelleira de Deportes e Benestar Animal, Esther Pedrosa.

Organizado polo club ciclista Compostelano-Muebles Compostela, o XXI Ciclocross celebrarase desde as 13:30h ata as 19:00h do próximo sábado, cun percorrido que discorre na súa totalidade por zona verde, con meta e saída no Estadio Verónica Boquete, e contando cunha recta de 300 metros de asfalto.

O circuíto estará balizado, contando cun peche perimetral xa existente de malla, que impide o acceso desde a zona de Equipos sen pasar previamente polo control de acceso. Unha competición que é ademais puntuable para a Copa de España, e no que colabora ademais do Concello de Santiago de Compostela, a Federación Galega de Ciclismo e a Xunta de Galicia.

A entrega de trofeos realizarase ao rematar tódalas probas. Inmediatamente despois de finalizar a última manga de Master 40, e deberanse presentar no podium 1º, 2º e 3º clasificado, tanto en categorías masculinas como femininas.

CATEGORÍAS DA PROBA
- Infantil – masculino e feminino
- ELITE-SUB23 – masculino e feminino
- JUNIOR – masculino e feminino
- CADETE – masculino e feminino
- MASTER 30/40/50/60 feminino
- MASTER 30/40/50/60 masculino

Compartir: