MEDIO AMBIENTE

O Concello destina case 130.000 euros para a creación dun novo espazo de lecer interxeracional no barrio de Sar

22/10/2022 A concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Mila Castro, explica que se trata dun espazo co obxectivo de que "os máis cativos e as persoas de máis idade poidan compartir experiencias e xogos" xerando unha interacción social interxeracional. Detalla tamén que contará cun espazo onde se integren actividades para as diferentes idades, unha zona de estancia onde se poderán desenvolver xogos de mesa e outra de arboreda para realizar xogos tradicionais.

O proxecto, licitado por 128.267,49 euros, afectará á parcela de forma rectangular que corresponde ao número 29 da Rúa Cruceiro de Sar, de 1.191 metros cadrados. Está situada entre dúas edificacións. A carón dunha delas sitúase un paso peonil que une esta rúa co Camiño de Santiago (ruta da prata), a outra vía que a delimita. Conta con arboreda nos muros de contención que a separan do Camiño de Santiago e da vía peonil; e dispón de conexión ao saneamento, electricidade, e abastecemento.

O obxectivo, como explicou Mila Castro, é crear un espazo intexeracional xerando unha zona de xogos e outra de estar con árboreda; que se integra á súa vez nunha contorna natural onde predominan as hortas detrás das edificacións e destaca a presenza, no seu lado Noreste, do bosque de Galicia. Un espazo deseñado coa finalidade de que as persoas das xeracións máis novas e as de máis idade compartan coñecementos e experiencias en aras dun beneficio mutuo. É un xeito de reforzar a súa dimensión social ao estar pensado para potenciar a empatía e comprensión entre xeracións, así como a transferencia de valores.
O "Proxecto básico e de execución dun espazo interxeracional na zona de Sar", contempla, entre outras actuacions:

- A creación de espazos circulares nos que se instalarán diversos xogos, separados por uns pequenos muros que se poden utilizar como asentos. Aproveitando a pendente está previsto colocar tobogáns, que caerán cara aereeiros.

- A creación dun noiro no fondo da parcela, de xeito que en certa medida se recupere a pendente da ladeira do monte Gaiás, para evitar puntos críticos e xerar nese espazo unha zona de xogo axardinada con árbores.

- Creación dun amplo espazo con árbores, pavimentado en terra no que se poidan desenvolver todo tipo de actividades e xogos tradicionais (petanca, trompos, chave, canicas, chapas, etc.), confirgurándoo, ademais, como un espazo de interrelación entre persoas de distintas idades.

- Equipar con bancos de madeira este espazo praza-alameda entre os que se colocarán unhas pequenas mesas coa superficie en granito nas que irán gravados distintos taboleiros de xogos, reproducindo algúns dos localizados no casco histórico.

- Unha estrutura de emparrado que cubra a zona de bancos e mesas, para xerar un espazo de sombra máis recollido.

- Un parterre perimetral confinado cun borde de granito nesa zona praza-alameda, de xeito que se crea un espazo axardinado con arbustos que amortigua e mellora a seguridade nos bordes.

- Unha iluminación adecuada para este espazo interxeracional, con luminarias dispostas en perímetro, cun nivel de luz apropiado para evitar a contaminación lumínica.

- Unha fonte de auga potable, situada na zona intermedia, próxima á área dos bancos e unha rede de rego con tres puntos de acometida.

- A restauración e pintado da varanda existente e a limpieza dos muros de mampostería que delimitan o recinto.

O proxecto presentoullo o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, á veciñanza de Sar, nunha xuntanza no serán do pasado xoves, 20 de outubro, na que as persoas asistentes puideron realizar distintas aportacións co obxecto de melloralo. Na reunión, o rexedor estivo acompañado dos concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Medio Ambiente, Mila Castro, que tamén é responsable de Parques e Xardíns; de Mobilidade, Gonzalo Muíños; de Barrios e Obras, Javier Fernández; de Deportes, Esther Pedrosa e de Educación e Mocidade, Rubén Prol.

Compartir: