EDUCACIÓN

Alumnos do IES Rosalía de Castro visitan Toledo no marco do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio"

24/04/2007 Un grupo de alumnos do IES Rosalía de Castro está a visitar Toledo do 23 ao 25 de abril, no marco da sexta edición do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio", no que ademais de Compostela participan as cidades de Ávila, Ibiza, Segovia, San Cristóbal de La Laguna, Alcalá de Henares, Toledo, Cáceres, Córdoba, Salamanca e Cuenca.

Nestes tres días participan nun programa cultural, con visitas a diversos lugares de interese. Ademais, foron recibidos polo alcalde da localidade castelá, José Manuel Molina. Devolven así a visita realizada do 12 ao 14 de abril polos alumnos e profesores do IES Universidad Laboral, gañador en Toledo.

Os alumnos do Rosalía de Castro dirixiranse logo a Segovia, onde permanecerán do 26 ao 28 de abril. Esta cidade acolle o encontro final do Programa, no que presentarán o seu traballo co resto de centros de ensino gañadores nas distintas cidades patrimonio.

O obxectivo do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio" é que os alumnos de educación secundaria obrigatoria que viven e estudan en cidades patrimonio da humanidade aprendan a coñecer e valorar non só a súa cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título. Fano través de traballos realizados nas aulas por grupos de alumnos/as, dirixidos polos seus profesores cara a uns temas previamente determinados. En cada edición, as diferentes cidades participantes intercámbianse entre elas.

Compartir: