MEDIO AMBIENTE

#EuCompost_ela organiza un concerto e unha xincana virtual para achegar a economía circular aos máis novos

19/10/2022 O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia porán en marcha dúas novas actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil no marco do proxecto #EuCompost_ela. Coa xincana virtual e o concerto Compost_Ela Miúda preténdese achegar a economía circular aos máis novos para que adopten hábitos de consumo responsables e de reciclaxe, especialmente agora que se está a introducir na cidade o colector marrón para materia orgánica.

A Unión de Consumidores de Galicia e o Concello de Santiago veñen de lanzar a xincana virtual ‘Conecta coa Economía Circular’ dirixida a rapaces e rapazas que cursen a ESO nalgún dos centros educativos do concello. Esta xincana realizarase a través dun espazo virtual eucompostela.gal e a participación na mesma é gratuíta.

O obxectivo desta iniciativa é poñer a proba o coñecemento da mocidade compostelá sobre a economía circular e mostrarlles a importancia de reducir a pegada ecolóxica apostando polo consumo responsable, a conservación da natureza e a xestión sostible dos recursos. O prazo para inscribirse na xincana rematará o 28 de outubro ás 18:00 horas.

A xincana é un reto por equipos. Para poder participar os equipos deben estar conformados por un mínimo de tres persoas e un máximo de cinco. O premio desta actividade consite nun vale por valor de 250€ para cada equipo gañador para compras realizadas en establecementos do comercio local de Santiago de Compostela.

Compost_Ela Miúda

O proxecto #EuCompost_ela tamén propón unha actividade musical que terá lugar o vindeiro 26 de outubro no auditorio do CERSIA Empresa e na que participarán máis de 200 nenos e nenas dos centros educativos de primaria de Vite, Fontiñas e San Jorge. Compost_ela Miúda reunirá a Paco Nogueira e Iseo a Moura nun concerto ao redor dos dos conceptos ecoloxía, sostibilidade, reciclaxe e economía circular.

Paco Nogueiras é diplomado en graduado social, músico e actor. Participou en formacións de música tradicional e foi creador da banda sonora de varios espectáculos teatrais, musicais, de danza e dunha serie infantil da TVG. Recoñecido animador, participou en numerosos espectáculos, ten varios libros publicados e colabora con diferentes formacións teatrais e musicais. Iseo Agilda é filósofa de formación e encamiñou a súa vocación cara a educación ambiental. A través dos seus espectáculos comparte e aprende a vivir dun xeito máis sostible, sinxelo e xusto. Tamén é cantante en Sacha na Horta e Blues do País.

Proxecto #EuCompost_ela

Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto #EuCompost_ela, iniciativa posta en marcha o ano pasado polo Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia a través da que se están a desenvolver unha serie de actividades co obxectivo de fomentar entre as persoas consumidoras un coñecemento máis profundo da economía circular para que sexan conscientes da necesidade de facer un consumo responsable e sostible, e da importancia de reciclar correctamente.

Ata o momento leváronse a cabo o faladoiro ‘Arredor da economía circular’, o concurso de Tik Tok ‘Conecta coa Economía Circular’, a exposición itinerante ‘Os Benfeito fan Compost_ela’ por centros de infantil e primaria que vai acompañada dunha acción informativa dirixida ao alumnado que fai uso do servizo de comedor do centro durante os tempos de espera ate a hora da recollida; e a Feira de Economía Circular e Boas Prácticas.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: