TRÁFICO E EDUCACIÓN

Concello e RACC conciencian aos máis novos sobre o uso do casco e do cinto de seguridade

24/04/2007 Unha nova campaña educativa quere por de relevo entre os máis novos a importancia do uso do caso e do cinto de seguridade. A iniciativa forma parte do Programa de educación viaria e na autoprotección "Onde está o perigo", que desenvolven os departamentos de Trafico e de Educación e Mocidade en colaboración co Real Automóvil Club de Cataluña (RACC).

Representantes de varios centros de ensino e escolares de ESO do IES Rosalía de Castro participaron na presentación desta campaña, celebrada na Alameda, e acompañaron ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e ao presidente do RACC, Sebastiá Salvadó. Asistiron tamén os concelleiros de Tráfico, Xosé Baqueiro, e de Educación, Elvira Cienfuegos.

No acto púxose de relevo a importancia do uso dos dous mecanismos de seguridade. No caso do cinto, lembrouse que o 50% das vítimas mortais rexistradas en accidentes de tráfico non levaban. Nun accidente a tan só 50 Km/h, un adulto sen cinto de seguridade é lanzado cara diante coa forza de tres toneladas e media.

Malia a contundencia dos datos, unha enquisa realizada polo RACC revela que un 13,83% dos condutores afirma que non usa o cinto de seguridade.

"Lévao sempre enganchado. Pódeche salvar a vida" é o lema da campaña, que incide nas altas porcentaxes de redución de lesións e fracturas que supón o uso do cinto. Tamén se dan consellos sobre a utilización axeitada do cinto e mesmo doutros elementos de seguridade do coche, como pode ser o áirbag ou o repousacabezas.

A diferenza entre a vida e a morte

En canto ao casco, o seu uso representa a diferenza entre a vida e a morte nun accidente. As cifras din que circular en moto sen casco significa ter un 40% máis de probabilidades de sufrir unha lesión craneal grave, e un 15% unha leve. O uso do casco reduce nun 29% a probabilidade de sufrir lesións mortais logo dun accidente. Estudos do RACC indican que a probabilidade de sobrevivir é tripla facendo un bo uso do casco.

A campaña, baixo o lema "Non rompas a cabeza. Pon o casco", fai recomendacións para circular en moto, sobre a utilización correcta do casco e mesmo sobre os aspectos a ter en conta á hora de mercalo.

Trala presentación da campaña, realizouse a entrega de diplomas aos centros que participaron no Programa de educación pola mobilidade, Esta iniciativa desenvolvérase entre febreiro e marzo e nela tomaron parte 262 alumnos de 11 centros de ensino. Pecháronse os actos coa distribución de diverso material educativo da campaña.

Compartir: