MOCIDADE

O Centro Xove da Almáciga pon en marcha as actividades para o curso 2022-2023

18/10/2022 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol presentou esta mañá a programación anual do Centro Xove de Creación Cultural para a tempada 2022-2023. Durante a rolda de prensa, que tamén contou coa presenza do profesor do CX Guillermo Vistoso, o edil tamén fixo balance do proxecto Lanzadeira desenvolvido este ano e que axudou a profesionalizar e dar visibilidade a sete bandas residentes do Centro.

Rubén Prol explicou que se trata "da primeira vez que a programación se lanza en formato anual en vez de trimestral" polo que as persoas usuarias "poderán coñecer con antelación a oferta de cada mes que será actualizada constanteme na propia web do Centro Xove".

Trátase dunha programación "aberta e dinámica que irá incluíndo as novas iniciativas que poidan xurdir, e que apostará por recuperar a presencialidade aínda que se manteñan os cursos en liña", engadiu ao edil, que tamén recordou que todos os cursos serán de balde grazas ao financiamento da Concellaría de Mocidade.

A programación ofrecerá formación musical de carácter non formal (guitarra, baixo e se incorpora a batería este ano), ademais de técnica vocal, "priorizando a oferta para as nosas 15 bandas residentes", e "complementando o servizo que damos nos propios locais de música". Tamén haberá propostas comprometidas coa sostenibilidade: Recuncho Verde, Cociña Ecolóxica, Cerámica, Monográficos de Percusión e outras que se irán engadindo. Ademais, se manterán todos os servizos dos anos anteriores: ludoteca, participa, coaching para bandas, técnica vocal e formación instrumental.

Co obxectivo de continuar a visibilizar o talento das bandas residentes, Rubén Prol tamén anunciou o próximo lanzamento do programa "Facendo Barullo" que permitirá aos grupos elexidos realizar un vídeo tocando en directo seguido dunha entrevista, para presentear o seu repertorio. Tamén se prevén 3 quendas nas que se realizarán reportaxes fotográficas das bandas que serán incluídas nun catálogo promocional, así como encontros entre os músicos no que poderán compartir as súas inquedanzas e establecer conexións.

Programa Lanzadeira

O concelleiro de Mocidade calificou de "éxito" a edición deste ano do Programa Lanzadeira CX, polo que conta con repetir a iniciativa este ano e converter o Festival nun evento anual, que permita proxectar o talento da mocidade de Compostela.

Para Rubén Prol a I edición do proxecto Lanzadeira CX, que tivo o seu colofón na celebración do I Festival Lanzadeira CX o pasado 30 de novembro, foi "un éxito a diferentes niveis: polo desfrute das bandas, a visibilización do seu traballo, e pola asistencia de público".

As bandas recibiron un período formativo de 3 meses, onde sete grupos locais tiveron un "notable progreso nun lapso de tempo moi breve" que lles permitiu producir un tema propio no estudio e tamén chegar moi ben preparados ao evento final, que tivo "unha fantástica acollida por parte da cidadanía cunha praza do 8 de Marzo moi concorrida". O Centro Xove publicará proximamente na súa web unha memoria aberta con fotos, vídeos e cancións dos grupos

O edil quixo reiterar o compromiso do Concello por "ofertar un servizo sólido e de moita calidade", así como a súa aspiración de "chegar a 25 bandas este ano sen mermar a calidade da atención e das formacións".

Direcciones relacionadas



Compartir: