MOCIDADE

A Concellería de Mocidade lanza un ciclo de obradoiros para previr a adicción aos xogos de apostas en menores

11/10/2022 Rubén Prol, concelleiro de Mocidade, acompañado polo educador social Ramón Molina, presentaron esta mañá en rolda de prensa a segunda edición de "Vas Picar? Mocidade libre de apostas" que este ano porá en marcha unha serie de obradoiros dirixidos ao alumnado de educación secundaria co fin de sensibilizalos sobre os perigos da ludopatía.

O concelleiro Rubén Prol recordou que esta campaña lánzase nun momento "no que os datos convidan ao pesimismo". "As cifras de xuventude adicta o xogo son cada vez máis preocupantes, chegando a constituír unha práctica de ocio plenamente integrada nun sector da mocidade; o que representa un problema para estes rapaces e rapaces e para as súas familias", salientou o edil.

Tras o éxito da primeira campaña, o Concello de Santiago porá en marcha este ano un total de 41 obradoiros con 3 sesións de traballo, nos que se estima unha participación de arredor de 1.000 alumnos e alumnas. A finalidade desta actividade é sensibilizar á mocidade sobre a problemática da adicción aos xogos de azar, facendo fincapé nos factores de risco que poden levar ás persoas á ludopatía.

Os obradoiros están destinados ao alumnado de 3º e 4º de ESO, xa que se considera o momento idóneo para abordar esta problemática, se ben tamén haberá un formato dirixido a alumnado de FPB. Este ano, ademais, ampliarase a duración dos obradoiros, que tamén incluirán novos conceptos vencellados ás loot boxes nos videoxogos; a figura dos pronosticadores profesionais ("tipsters") e os mitos que se xeran ao redor delas; o proceso de toma de decisións ante unha situación problemática para o adolescente ou o fenómeno das criptomonedas e os paralelismos existentes coa apostas deportivas online.

Tamén se prevé a realización de 2 cursos de 4 h dirixidos ao profesorado, para formalos ao respecto desta problemática da adicción ao xogo, e poder achegar ferramentas e materiais didácticos para desenvolver unha labor educativa e de prevención dende as aulas.

Campaña en RRSS

Ademais, aproveitando as estruturas xeradas da campaña do ano pasado "Vas picar? Mocidade libre de apostas", seguirase difundíndose a campaña a través das contas de redes sociais (instagram e facebook) e da web do proxecto www.eunonpico.gal.

Neste senso crearanse un total de 17 creatividades ao longo destes mes e medio para reforzar a mensaxe educativa da campaña tamén a través das redes sociais.

Compartir: