EDUCACIÓN

As obras de construción da Ludoteca seguen o ritmo previsto

23/04/2007 A concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, visitaron esta as obras da Ludoteca que se está construindo no barrio das Fontiñas. As obras marchan a bo ritmo polo que en xullo, tal e como estaba previsto, estarán rematadas.

Elvira Cienfuegos falou da Ludoteca, situada ao carón da escola infantil do barrio, como un "centro pioneiro, que será o primeiro deste tipo en Compostela". A concelleira de Educación e Mocidade, resaltou o feito de que o xogo "é fundamental no desenvolvemento intelectual, psicomotriz e afectivo dos nenos e nenas", así como "na súa maduración e no desenvolvemento da súa autonomía persoal, polo que estos centros son moi importantes para a súa educación".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, amosouse satisfeito pola boa marcha dos traballos da Ludoteca, da que salientou que conta"cun proxecto excelente adaptado a un centro destas características e con un boísimo traballo arquitectónico que aproveita moi ben a luz natural". Rego lembrou que este centro está enmarcado dentro dun programa de infraestruturas educativas levadas a cabo dende a concellaría de Educación, dos que cabe resaltar as dúas escolas infantís que xa están en funcionamento (Conxo e As Fontiñas), as tres que están en marcha (Ensanche, Polígono do Tambre e San Roque) e outras dúas que xa están previstas. Rego, incidiu na importancia destes centros que fan a cidade "máis agradábel, humana e habitábel".

Unha zona pensada para educar xogando

En total son 1.080,5 metros cadrados construídos, cunha superficie útil total de 658,1 repartida en dúas plantas e un soto. Na planta baixa, estará a bebeteca, a sala de xogos de rol e imitación e sala de construcións, o almacén e un porche de 90 metros cuadrados. Ademais haberá un vestíbulo, zona de espera, zona de recepción-administración, zona de dirección-coordinación, cociña, despensa e aseos. No segundo andar haberá unha sala de reunións e talleres, zona de usos múltiples e zona de xogos de mesa e audiovisuais. Ademáis dun almacén e aseos. No soto, de 121 metros estará o almacén principal, a sala de caldeiras e outras instalacións.

Tal e como comentou a concelleira de Educación e Mocidade, a obra foi contratada cun orzamento de 621.915 €, dos que o 55% se financia con cargo ao Plan de Grandes Cidades e o 45% con cargo á concellaría de Educación. O horario do centro, que está dirixido a nenos e nenas de 0 a 14 anos, será fóra do horario lectivo, sen excluir as visitas guiadas de escolares en horario matinal. No centro desenvolveranse programas permanentes e programas temporais (asociados, por exemplo, a exposicións arredora das cales se desenvolverán distintas actividades) e, ademais, terá un departamento de investigación, información e asesoramento ás familias en relación co xogo e o xoguete.

Compartir: