ACCIÓN CULTURAL

Luz Poética, I Festival de Poesía Nova de Compostela arrancará a vindeira semana

13/10/2022 Desde o 17 e ata o 22 de outubro celebraráse en Santiago a primeira edición do "Luz Poética. Festival de Poesía Nova de Compostela", un evento organizado polo Concello de Santiago e coordinado pola xestora Hoku Cultural. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol e un dos organizadores, Diego Horschovski, presentaron esta mañá un amplo programa con obradoiros, roteiros, proxeccións e recitais, onde se darán a coñecer novas voces da poesía galega.

Durante a presentación, Mercedes Rosón salientou o "importante momento que estamos a vivir na nosa cidade de recuperación do gusto e o consumo do xénero poético, especialmente entre a xente máis nova" e amosouse moi satisfeita da "gran presenza de mulleres nesta primeira edición do festival, empezando pola propia Luz Fandiño, unha presenza viva da nosa memoria cultural".

Na mesma liña, o concelleiro Rubén Prol amosouse confiado en que este evento "teña un impacto positivo na mocidade". Ademais, salientou o "importante esforzo de colaboración interdepartamental" que levaron a cabo as concellerías implicadas na organización do Festival: Acción Cultural, Mocidade e Turismo.

O nome do Festival inspírase na poeta compostelá Luz Fandiño, xa que "a súa historia, o seu compromiso social e a súa visión da vida son inspiración para toda unha xeración de mozas e mozos de Galicia", explicou Diego Horschovski, organizador do evento. O encontro, que terá lugar na capital galega a vindeira semana, ofrecerá obradoiros, roteiros, proxeccións e recitais, onde se darán a coñecer novas voces da poesía galega.

Ademáis, o festival inclúe a Gran Final de Poetry Slam estatal, un evento que reúne as/os gañadoras/es de todas as sedes do circuíto oficial do Slam España. En total, uns trinta poetas participarán polo primeiro posto a nivel estatal. Durante as xornadas do slam, dentro das seis que dura o festival, Santiago será a capital da poesía nova no territorio español.

Os espazos escollidos para estas actividades son sitios emblemáticos como a Igrexa da USC da praza de Mazarelos, o Centro Sociocultural Xove da Almáciga, o Teatro Principal, as recoñecidas librarías Couceiro e Lila de Lilith, ademáis de contar con establecementos vencellados ao mundo da cultura como o Pub Modus Vivendi, o Riquela Club e A Medusa Bar. Asimesmo, a Fundación Uxío Novoneyra e a Editorial Apiario tamén son parte das entidades colaborativas do festival.

O evento é unha iniciativa das concellerías de Acción Cultural, Mocidade e Turismo do Concello de Santiago que será coordinado por Hoku Cultural. Tamén conta co apoio da área de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

Toda a programación pode ser consultada na páxina web do festival, www.luzpoetica.gal, e a través do Instagram oficial @festival.luzpoetica ou do Facebook Festival Luz Poética.

Direcciones relacionadas



Compartir: