PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Servizo de perruquería e estética para persoas dependentes atende 631 solicitudes

23/04/2007 O Servizo de perruquería e estética para persoas dependentes da Concellaría de Promoción Económica e Emprego realizou dende que comezou a súa andadura, en decembro do 2006, 631 servizos a 404 usuarias/os. A maioría dos demandantes, 384, son mulleres, e os 20 restantes homes. O servizo, gratuíto, é atendido por catro especialistas que accederon ao mercado laboral a través dos Programas de Cooperación asinados entre a Concellaría e a Consellería de Traballo.

Un total 66 demandantes do Servizo de perruquería e estética para persoas dependentes foi atendido no seu domicilio e os outros 338 nas entidades Pensionistas de Fontiñas, Residencia San Marcos, Sarela, María Montaña, Avoas de Pontepedriña, ASPAS, O tempo é Noso e De oito a oito. A maioría das/dos usuarias/os, en concreto 68 persoas, teñen entre 65 e 80 anos; 32 son maiores de 81 anos, 19 están entre 55 e 64 anos, e as outras cinco son menores de 34 anos. O servizo máis demandando, en 310 ocasións, é o de perruquería, seguido de manicura, pedicura, depilación e limpeza de cute.

Perruquería e estética para persoas dependentes ten como obxectivo crear unha demanda deste tipo de servizos que constitúen novos xacementos de emprego. Dende a Concellaría de Promoción Económica, e a través do Proxecto Persoa III, fórmase a colectivos con dificultades de integración laboral (mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregados maiores de 45 anos, emigrantes retornados, etc.) a través da súa participación nun proceso integral de inserción. As/os usuarias/os reciben formación en especialidades centradas no sector servizos de atención a persoas maiores, nenas/os e discapacitados, como o curso de Especialista no coidado da imaxe persoal e estética a persoas maiores e/ou dependentes. Persoas que recibiron formación nesta especialidade foron contratadas a continuación a través dos Programas de Cooperación, que no 2006 permitiron contratar a 91 persoas.

Ademais de perruquería e estética para persoas dependentes a Concellaría de Promoción Económica ofrece outros dous servizos gratuítos: o de Desenvolvemento infantil e atención temperá nos centros de educación infantil e o de Apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral . O primeiro consiste no desenvolvemento de accións de información e formación destinadas a pais, nais e familiares que contribúan na integración social e escolar da nena ou neno que presente trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos. O segundo, de apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral , é un programa experimental a través do que se prestan servizos eventuais e de carácter extraordinario a persoas dependentes, como levar os nenos á escola, acompañar aos maiores ao médico, coidar a un familiar enfermo, etc. Pódense solicitar os seus servizos directamente nas instalacións da rúa Hórreo, número 100, ou a través do teléfono 981 568 752.

Compartir: