PROMOCIÓN ECONÓMICA

A IV Feira de Emprendedoras poderá visitarse ao longo do día de hoxe no Teatro Principal

30/09/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o reitor da USC, Antonio López Díaz, inauguraron esta mañá a IV Feira de Emprendedoras, que nesta edición pon o foco nas entidades do sector artístico e cultural da cidade e a súa contorna. Esta inciativa, desenvolvida polo Concello de Santiago en colaboración coa Universidade de Santiago (USC) e Woman Emprende, constitúe un punto de encontro e intercambio entre mulleres referentes e outras emerxentes no mundo do emprendemento.

A feira expositiva que se desenvolverá ao longo do día de hoxe no Teatro Principal, está aberta ao público xeral e a entrada é de balde. Entre as 12:00 e as 18:30 celebraranse varias mesas de debate arredor das seguintes temáticas: "A transmisión da cultura. Loita e perseveranza", "Abrirse camiño nas artes plásticas. Como protexer a propiedade intelectual", "Perspectiva de xénero sobre o escenario. Como crear marca", e "Emprendemento no sector musical".

Nesta edición o Campus estará centrado nos sectores culturais e artísticos, dirixíndose a entidades de Santiago e da contorna con actividades neste amplo ámbito, moitas delas creadas por mulleres referentes que contribúen á consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido e aliñado cos valores feministas. Así, este evento pretende ser un espazo de diálogo directo no que as asistentes poidan compatir experiencias, inquedanzas e aprendizaxes.

O evento de hoxe veu precedido por un ciclo de formación baseado en técnicas teatrais dirixido a alumnas universitarias e que se desenvonveu esta semana a cargo de Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro. Froito deste curso, as alumnas realizarán unha mostra teatral esta tarde no Teatro Principal, acompañadas por Mónica García (Grupo Chévere) e a artista multidisciplinar Celia Pía.

A clausura da Feira terá lugar ás 18:30 h da man de Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Acción Cultural e Igualdade e de Marta Pérez Pereiro, delegada do Reitor para a Igualdade da USC.

Compartir: