FUNDACIÓN GRANELL

Nova programación didáctica na Fundación Granell

23/04/2007 A Fundación Granell presentou en rolda de prensa as actividades a desenvolver e n 2007 no seu Departamento de Didáctica no Museo, dirixido polo artista e comisario Eduardo Valiña. No calendario de actividades hai distintos obradoiros, tanto para fomentar a creatividade na infancia e na adolescencia como en persoas adultas.

O servizo antepón como obxectivo prioritario a difusión e recreación dos contidos conceptuais desenvolvidos nas exposicións do museo : arte surrealista e contemporánea. O obxectivo fundamental das actividades é estimular a reflexión e o espírito crítico dos visitantes, así como crear un espectador activo, que non só teña a posibilidade de comprender o que ve, senón que tamén desenvolva a súa creatividade dentro da institución.

O espazo do Servizo de Didáctica adoita transformarse nunha sala de exposicións, cando os usuarios das actividades ceden os traballos realizados para mostralos publicamente. Continuando na liña xa iniciada no ano 2006, son convocados creadores de diversas áreas para impartir unha serie de obradoiros que fomenten a creatividade para tódalas idades.

Exemplo disto é o taller "Animación á lectura e creación literaria para nenos e nenas", que impartirá a poeta Antía Otero durante os meses de abril, maio e xuño; ou "Aprende a debuxar banda deseñada", a cargo do artista plástico compostelá Santi Jimenez no mesmo período. Os dedicados aos adultos serán: "Creatividade e relaxación para adultos", pola artista Reina D´hoore; "Teatriños", pola pedagoga Diana Tessari; e "Xogo en movemento e creatividade", impartido por Yamila Yaquino e Verónica Gulluscio.

Este ano tamén se desenvolverán actividades creadas no servizo de Didáctica da Fundación Granell fóra do ámbito do museo, como as actividades creadas especificamente para a escola Camilo José Cela do Centro Hospitalario Universitario de Santiago. Tampouco faltará a exposición da obra plástica resultante dos talleres anuais da asociación de enfermos mentais "Fonte da Virxe"; e a mostra de obxectos intervidos, realizada por escolares de idades comprendidas entre sete e nove anos no centro Emilio de Navasqües da Serra de Outes.

As actividades permanentes do Servizo de Didáctica no museo son: visitas guiadas individuais ou a grupos, visitas-taller, talleres estables de creatividade para nenos, o III Certame de Arte Escolar Eugenio Granell e o Maratón infantil.

A programación foi presentada por Natalia Fernández, directora da Fundación Granell; Néstor Rego, concelleiro de Cultura; e Eduardo Valiña responsable do Servizo de Didáctica no Museo; acompañados por algúns dos artistas responsables dos obradoiros.

Compartir: