DEPORTES E INFRAESTRUTURAS

Un campo de fútbol para o barrio de San Lázaro

23/04/2007 O barrio de San Lázaro contará cunha nova área deportiva, grazas á aprobación do proxecto e da contratación das obras de urbanización para a mesma na súa primeira fase. Investiranse 1.302.587 euros para acondicionar unha área na que se construirán un campo de fútbol, gradas, vestiarios, un aparcadoiro de 69 prazas e unha pequena dársena de autobuses.

Os concelleiros de Infraestruturas, Bernardino Rama, e de Deportes, Manuel Portas, presentaron o proxecto, que se desenvolverá nunha parcela de 22.400 metros cadrados, que son froito dun convenio coa Consellería de Economía e Facenda de 1996, modificado posteriormente. O novo espazo deportivo sitúase entre a Rúa de San Lázaro e a Rúa Penamaría e contará cun vieiro principal de acceso de 1.680 metros cadrados, tamén incluído no proxecto.

O novo campo de fútbol terá dimensións regulamentarias (65 por 105 metros) e dará servizo principalmente aos clubs Amio e Vitoria. Inicialmente será de terra, aínda que está previsto que nunha fase posterior poida pasar a ser de herba artificial. Á propia área deportiva engádese outra zona verde duns 10.000 metros cadrados. As obras comezarán en verán e poderían estar listas en abril de 2008.

Compartir: