MOCIDADE

A I edición do Festival Lanzadeira CX servirá de plataforma de lanzamento para grupos locais de música

28/09/2022 A praza do 8 de Marzo acollerá este venres a partir das 18:00 horas o Festival Lanzadeira CX, no que sete grupos locais amosarán os coñecementos adquiridos grazas á formación recibida no marco do proxecto Lanzadeira, desenvolvido polo Concello de Santiago e o Centro Xove da Almáciga. O evento tamén contará coa actuación da banda Biribirlocke.

O Festival Lanzadeira constitúe o colofón ao ciclo de formación seguido por parte de sete grupos de música composteláns do Centro Xove, ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. O obxectivo deste curso é que cada unha das bandas participantes poida producir e gravar un tema, preparar un concerto en directo e finalmente presentar o seu repertorio ao público, o que finalmente se fará realidade este venres.

Trátase dunha experiencia formativa tamén permitiu ás bandas participantes facer comunidade entre ela e aprender sobre cuestións de produción, imaxe pública, preparación do directo, etc.

Nesta primeira edición 2022, os grupos participantes son: Lidia L. Chao, Termotalina, Chanze, Starburst, Futuro Alcalde, Killo Karallo, Soulwide. Tamén contará coa presenza de Biribirlocke como banda invitada.

O proxecto Lanzadeira CX pretende ser un traballo que ano a ano dé visibilidade aos grupos da cidade, e sirva como "lanzadeira" de bandas á escena profesional. Esta iniciativa concebiuse coa idea de que, en cinco ou seis anos, os grupos que pasen pola formación poidan desenvolver unha carreira no mundo da música, como xa sucedeu co MusicaXove. Un dos exemplos é o artista André GS que ten temas con máis de 230.000 reproducións en Spotify e máis de 11.000 oíntes mensuais.

Compartir: