XUNTA DE GOBERNO

Mañá ábrese o prazo de renovación e solicitude de praza para o período lectivo no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes

26/09/2022 Mañá, 27 de setembro, ábrese o prazo de solicitude, tanto de solicitude como de renovación de praza, correspondete o período lectivo 2022-2023 do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes. As solicitudes poderán presentarse ata o 6 de outubro. Tanto as datas, como o procedemento de solicitude de praza aprobáronse hoxe en Xunta de Goberno.

Os destinatarios deste servizo son os nenos e nenas empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela. O centro dispón dun total de 73 prazas, 20 de 2 a 3 anos, 30 de 4 a 6 anos e 23 de 7 a 12 anos.

O horario lectivo, segundo o calendario escolar aprobado pola Xunta de Galicia para o curso 2022-2023 é polas mañás, venres e sábado de 10.30 h a 13.30 h; e polas tardes, de luns a sábado de 16.00 h a 20.00 h. Tamén hai un horario de atención a familias, os mércores de 16:00 h a 20:00 h e os venres de 10:30 h a 13:30 h.

Segundo a proposta aprobada polo executivo municipal, durante os prazos de solicitude de praza o centro ofertará xornadas de portas abertas previa inscrición na páxina web do Espazo de Lecer María Miramontes. Todos os servizos ofertados son de balde.

Periodos no lectivos

Os períodos non lectivos terán procesos de solicitude de praza independentes nas seguintes datas:

Vaca-Ludos Nadal:
- Período de solicitude de praza: do 7/11/2022 ao 16/11/2022 (ámbolos dous inclusive).
- Comunicación de prazas: 28/11/2022.
Vaca-Ludos Entroido:
- Período de solicitude de praza: Do 11/01/2023 ao 20/01/2023 (ámbolos dous inclusive).
- Comunicación de prazas: 31/01/2023.
Vaca-Ludos Semana Santa:
- Período de solicitude de praza: Do 06/02/2023 ao 15/02/2023 (ámbolos dous inclusive).
- Comunicación de prazas: 27/02/2023.
Vaca-Ludos Verán:
- Período de solicitude de praza: 24/04/2023 ao 07/05/2023 (ámbolos dous inclusive).
- Comunicación de prazas: 22/05/2023.

En horario non lectivo (Nadal, entroido, semana santa, verán) o programa piloto do Espazo de Lecer María Miramontes funcionará de luns a venres, de 7:45 h a 15:00 h co obxecto de facilitar a conciliación laboral e familiar.

Inscrición

Todas as persoas que desexen participar nas actividades da Ludoteca (tanto nos períodos lectivos como non lectivos) deben estar dadas de alta como requisito imprescindible (modelo ED009 educación) dispoñible na sede electrónica do Concello. Deberán cubrir o modelo de solicitude mencionado no que facilitarán a información e documentación correspondente, autorizan a estadía do menor na instalación e aceptan as condicións de funcionamento interno.

Aquelas familias de nenos/as que xa están dados de alta no Espazo Miramontes deben cubrir o formulario de solicitude da páxina web doEspazo de Lecer María Miramontes.

Unha vez realizado este trámite, recibirán comunicación mediante correo electrónico informando sobre o estado da súa solicitude. Se as circunstancias laborais e familiares mudaron dende a data de alta no Espazo Miramontes deberán acreditalo coa documentación actualizada correspondente mediante a súa presentación no Rexistro do Concello.

Durante todo o ano, este espazo está pensado para responder ás necesidades de conciliación das familias. É por iso que o acceso aos seus servizos debe priorizar a aquelas que traballen ou que estean en tránsito do traballo a casa, entre as no horario de apertura do centro. Polo tanto é imprescindible que as familias acrediten fiel e responsablemente as circunstancias laborais na/s quenda/s solicitadas.

Compartir: