OBRAS

A concellería de Obras arranxou e instalou preto de 400 bancos no que vai de ano

22/09/2022 O concelleiro de Obras, Javier Fernández, deu conta esta mañá dos traballos de mantemento e rehabilitación no mobiliario urbano deste ano. En total, o Concello reparou 340 bancos repartidos en oito barrios de Santiago grazas aos labores realizados por persoal de Centros Especiais de Emprego. Tamén foron incorporados 40 novos bancos en diferentes rúas da cidade.

Segundo explicou o concelleiro, o contrato de mantemento de mobiliario, que conta cun orzamento de 18.000 euros, permitiu arranxar 340 bancos en distintas zonas da cidade no que vai de ano. O labor desenvolvido polos traballadores e traballadoras dos Centros Especiais de Emprego da cidade permitiu a posta a punto de 95 bancos no barrio de Fontiñas, 45 no Ensanche, 42 en San Lázaro, 40 en Meixonfrío, 37 en Santa Marta, 36 no barrio de Vite, 30 en Pontepedriña, e 15 en Galeras.

Ademais, "no que levamos de ano, os operarios da Brigada de Vías e Obras substituíron 36 táboas e a maiores instalaron 120 metros de pasamáns", engadiu o edil. Tamén se repuxeron "máis de 40 bancos novos en zonas como Clara Campoamor, Quiroga Palacios, non Campus universitario, en San Lázaro, en Amor Ruibal ou na Avenida de Salamanca".

Javier Fernández recordou que o mantemento e reposición dos bancos é "unha demanda continua da veciñanza", que responde especialmente ás necesidades das persoas maiores e aquelas con problemas de mobilidade, ademais tamén son "un lugar de socialización, que axudan a humanizar e facer máis accesible a nosa cidade".

Documentos relacionados



Compartir: