MEDIO AMBIENTE

O Concello conclúe as obras de selaxe e clausura do antigo vertedoiro de Aríns, co que se recupera un espazo verde de 32 hectáreas

24/09/2022 As obras para converter o antigo vertedoiro de residuos inertes de Aríns (lugar de Fornás) nunha zona verde chegaron ao seu punto final tras a realización dos traballos de selaxe e clausura nos que se investiron preto de 850.000 euros. O pasado 19 de setembro asinouse a Acta de Recepción das obras e queda pendente agora a declaración definitiva da clausura do vertedeiro, así como a aprobación do Plan de Vixilancia e Control post-clausura por parte da Xunta de Galicia como órgano ambiental competente.

Nos traballos levados a cabo nos últimos meses, procedeuse á adecuación e selaxe do terreo así como a clausura total do antigo vertedoiro de Aríns, que estivo en funcionamento entre o ano 1995 ata o 2010. Co proxecto rematado, esta área conta agora cun amplo espazo verde rodeado dun bosque de piñeiros. A superficie total da área é de arredor de 32 hectáreas.

Durante estes meses, cumpríronse cos obxectivos marcados polo Concello de Santiago ao inicio das obras, entre os que se fixaron o illamento dos residuos acumulados, a creación de capas de selado estables no tempo mediante taludes de pendentes suaves, o control das augas superficiais para minimizar as escorrentías, a mellora de accesos para a conservación e vixiancia pos-clausura, así como a eliminación do impacto paixasístico do antiguo vertedeiro e a minimización dos posibles impactos ambientais.

Proceso de selaxe

A técnica empregada para a selaxe de terreo de Aríns, consistiu no perfilado do territorio e a instalación de tres láminas, unha de xeotéxtil, unha de polietireno e outra de xeodrén, cubertas por unha capa de 30-40 cm de terras seleccionadas, e por enriba outros 15 cm de terras vexetais hidrosementadas. Ademais, no perímetro tamén se incluiron unhas cunetas que recollen as augas superficiais que pasarán a unha balsa de decantación para eliminar os lodos ata que a vexetación colla arraigo.

A lámina de polietireno actúa como capa de impermeabilización dos residuos, e a de xeodrén é a que permite dar saída á auga superficial. Ademais a cuberta vexetal que está crecendo na actualidade favorecerá a evapotranspiración, o que permitirá unha menor erosión do solo, minimizando o impacto paixasísitico e reintegrado o vertedeiro ao seu entorno natural.

Vertedoiros recuperados

Nos últimos anos, o Concello levou a cabo o proceso de recuperación do vertedoiro municipal de Costa Vella, xusto detrás do Leroy Merlin, que no 1995 se converteu nun parque público no que se acaban de plantar preto de 1.000 carballos. Tamén se levou a cabo en 2007 a conversión nun espazo verde do vertedoiro de residuos de Piñor, en Villestro.

Compartir: