MOCIDADE

Arranca o programa de Noites Alternas con actividades nocturnas saudables para a mocidade de Compostela

21/09/2022 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, presentou hoxe o programa Noites Alternas, unha iniciativa de lecer nocturno alternativo destinada á mocidade que ten como obxectivos establecer relacións persoais saudables e construtivas, apoiar a prevención de hábitos de consumo de alcol e drogas e xerar dinámicas críticas, participativas e creativas que poidan reverte en beneficios da xuventude e da sociedade en xeral.

O programa, que se desenvolverá todas as noites dos xoves e venres, entre o 22 de setembro e o 2 de decembro, inclúe unha gran variedade de actividades espalladas pola cidade nas noites dos xoves e venres, sempre en horario nocturno, que abarca das oito da tarde, ata as doce da madrugada. Explicounas máis polo miúdo Nerea Couselo, da asociación cultural e xuvenil, Itaca, que organiza as distintas accións xunto ao Concello de Santiago, a través do departamento de Mocidade; coa colaboración de Xandobela.

Dinámicas de grupo, xogos, roteiros, obradoiros ou teatro configuran unha programación que comezará mañá xoves, 22 de setembro, con dous obradoiros, un de iniciación á percusión afrobrasileira, no Centro Xove da Almáciga, e outro de tinxido de plantas e pigmentos naturais no local de Itaca, así como a representación da obra "#consentido" de Oístes?Teatro na Biblioteca Ánxel Casal. Todas estas actividades comezarán ás 20:30 h. Toda a información sobre Noites Alternas, así como as actividades programadas, pódense consultar na páxina de Itaca.

Todas as accións programadas son de balde. As inscricións faranse semanalmente enchendo o formulario en liña dispoñible en itaca.gal e nas redes sociais, desde o luns anterior, ás 09:00 h. Como as prazas son reducidas, asignaranse por orde de inscrición.

Para que os contidos ofrecidos por Noites Alternas se adecuasen a demanda da xuventude, convocouse un convite para que as persoas e entidades interesadas puidesen presentar as súas propostas de actividades. Presentáronse máis de 100 por parte de 40 colectivos, segundo informou Nerea Couselo. Tanto a representante de Itaca, como o concelleiro Rubén Prol, esperan que esta edición teña tan boa acollida como as anteriores, e convidan a toda a xuventude a participar neste programa de lecer nocturno.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: