URBANISMO

Máis vivenda protexida e zonas verdes para a zona norte de Compostela

23/04/2007 A Xunta de Goberno local informou favorablemente a recepción do documento de avance dos plans parciais do SUD-1 (Mallou), do SUD-2 (Cancelas-A Muíña), do SUD-3 (Amio Norte), do SUD-5 (Amio Sur), do Plan Especial do Parque Urbano Norte PU-16 e do sistema xeral viario Cancelas-Amio (Treito Camiño de Amio-Porto do Medio). O alcalde xa anunciara este proxecto para a zona norte na súa rolda de prensa do venres 20 de abril e comentara que vai supor o principal foco de expansión da cidade nos vindeiros anos, coa construción de máis de 10.000 vivendas.

O proxecto contempla cinco novos polígonos residenciais, nos que se construirán 7.382 vivendas, das cales 5.266 serán de protección oficial. Estas uniranse ás 2.199 vivendas que se levantarán no SUNP-36 da Pulleira, xa en trámite. Ademais, a novidade é que por primeira vez se incorpora a vivenda unifamiliar en grandes números (600) a un proxecto deste tipo.

O Ensanche Norte en Amio e Parque das Cancelas-Porto do Medio terá unha superficie de 125 hectáreas. O ámbito desta actuación está delimitado pola Avenida de Asturias, o Periférico, os tecidos urbanos de Amio e San Lázaro e os altos de Cancelas e Mallou.

A zona contará tamén cun gran parque público de non menos de 35 hectáreas e desenvolverase unha superficie para usos terciarios de nove hectáreas. Simultaneamente, programáronse 18,5 hectáreas de sistemas xerais exteriores: o Parque de Outeiro das Cancelas, o Parque Universitario de Poza de Bar, as ampliacións do Campus Sur e do cemiterio de Boisaca e o viario Cancelas-Amio. Ademais, ampliarase significativamente a Avenida de Asturias.

ARI para A Almáciga

O Goberno local aprobu o inicio de contratación dunha asistencia técnica para a redacción dun estudo sociourbanístico sobre o barrio da Almáciga, por un importe de 24.000 euros. Este informe servirá de base para futura solicitude da declaración desta zona como área de rehabilitación integral (ARI), tal como se fixo cos bloques de vivendas de Vista Alegre e dos grupos Compostela e Cardenal Quiroga (Pontepedriña).

Compartir: