DEPORTES

Preto de 400 nenas e nenos participarán esta fin de semana no VIII Torneo Fútbol-8 do Racing San Lorenzo

20/09/2022 O Torneo, organizado polo Racing San Lorenzo en colaboración co Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol e empresa galega Toxo Telecom, celebrarase este venres e sábado, 23 e 24 de setembro no campo da USC. O evento deportivo foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente do club, José Moure Souto e o CEO de Toxo Telecom, Javier Fontaíña.

O campo da USC acollerá este sábado o VIII Torneo Alevín F-8 Racing San Lorenzo, organizado polo club en colaboración co Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol e Toxo Telecom, no que participarán preto de 400 xogadores e xogadoras de entre 5 e 11 anos nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín. Os equipos que tomarán parte no VIII Torneo son: Racing de San Lorenzo, Compostela, Amio Villestro, ED Sta Marta, Fátima, Vista Alegre, San Pedro e C.D. Sar.

As competicións desenvolveranse en horario de 18:00 a 21:00 horas o venres 23, e entre as 10:00 e as 21:30 h do sábado 24. Ao finalizar os partidos terá lugar a entrega de trofeos así como un acto de homenaxe ao bedel Rafael Tarrío pola xubilación, que contarán coa asistencia da concelleira Esther Pedrosa.

O obxectivo deste torneo é visibilizar o traballo que se fai no fútbol base da nosa cidade, tras dous anos de parón por mor da pandemia.

Compartir: