PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello e a USC organizan a IV Feira de Emprendedoras do 26 ao 30 de setembro

16/09/2022 O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC) colaboran un ano máis para organizar a IV edición da Feira de Emprendedoras de Compostela, que esta edición porá o foco nas entidades do sector artístico e cultural da cidade e a súa contorna. Este evento, destinado a emprendedoras de Compostela e a súa contorna, así como a universitarias como futuras empregadas e creadoras de emprego, será por cuarto ano consecutivo un punto de encontro e de intercambio entre mulleres referentes e outras emerxentes no mundo do emprendemento.

O programa completo do evento foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a delegada do reitor para Igualdade, Marta Pérez Pereiro; a responsable do programa Woman Emprende da USC, Eva López, e a responsable de Desenvolvemento Económico do Concello de Santiago, Carme Casado.

Nesta edición o Campus estará centrado nos sectores culturais e artísticos, dirixíndose a entidades de Santiago e da contorna con actividades neste amplo ámbito, moitas delas creadas por mulleres referentes que contribúen á consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido e aliñado cos valores feministas. Así, este evento pretende ser un espazo de diálogo directo no que as asistentes poidan compatir experiencias, inquedanzas e aprendizaxes.

Na presentación, o alcalde de Santiago salientou que "o emprendemento é a base do desenvolvemento e a sostibilidade económica que ademais pode ser unha opción excelente para satisfacer as expectativas familiares e personais". Ademais recordou que o sector cultural "xenera unha actividade económica moi relevante que o converte nun motor económico de enorme magnitude no que nos queda moito camiño por percorrer, xa que na UE supón un PIB do 4% e en Galicia no chega á 2%".

Campus de Emprendemento con perspectiva de xénero
Este Campus de Emprendemento ofrecerá unha parte de formación, de balde para as alumnas universitarias. Xa que a cultura e a arte van ser as protagonistas desta edición, a formación empregará técnicas teatrais e estará a cargo de Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro.

Este curso desenvolverase entre o 26 e o 29 de setembro no Teatro Principal de Santiago, en horario de 17:00 a 20:30 horas. As inscricións poden facerse a través do correo womanemprende.usc@gmail.com.

Tras a formación, o día 30 de setembro, as alumnas realizarán unha mostra teatral no propio Teatro Principal, acompañadas por Mónica García (Grupo Chévere) e a artista multidisciplinar Celia Pía.

Feira Expositiva e Mesas de Debate
O día 30 de setembro, ás 10:00, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o reitor da USC, Antonio López Díaz, inaugurarán a feira expositiva e as mesas de debate que se desenvolverán ao longo de toda xornada no Teatro Principal, e que permitirán tanto ás alumnas como ao público en xeral achegarse ao coñecemento de emprendedoras referentes do sector.

Entre as 12:00 e as 18:30 terán lugar varias mesas de debate arredor das seguintes temáticas: "A transmisión da cultura. Loita e perseveranza", "Abrirse camiño nas artes plásticas. Como protexer a propiedade intelectual", "Perspectiva de xénero sobre o escenario. Como crear marca", e "Emprendemento no sector musical".

A clausura da Feira terá lugar ás 18:30 h da man de Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Acción Cultural e Igualdade e de Marta Pérez Pereiro, delegada do Reitor para a Igualdade da USC.

Compartir: