CONSORCIO

O alcalde visitou as obras de restauración da igrexa parroquial de San Lázaro

21/04/2007 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou hoxe sábado, ás 20:00 horas, as obras de restauración da igrexa parroquial de San Lázaro. Na compañía dos representantes veciñais, comprobou o resultado final das dúas fases de obras realizadas pola entidade interadministrativa.

A primeira fase das obras permitiu a reparación da cuberta da igrexa e a instalación dun sistema de drenaxe. Deste xeito, quedou á súa vez completada a renovación da praza, realizada anteriormente polo Concello canda as obras de urbanización feitas en toda a rúa, pola que pasa o Camiño de Santiago.

Nunha segunda fase, o Consorcio acometeu a restauración integral do templo. Así, cambiáronse as vidreiras e as estruturas das fiestras, moi deterioradas, substituíndoas por unhas de aceiro inoxidable. Tamén se pintou e se cambiou o pavimento de terrazo por outro de pedra. A actuación completouse coa total renovación da instalación eléctrica, coa renovación das portas e co arranxo do cortaventos da entrada.

Cómpre sinalar o especial cariño e aprecio demostrado polos veciños de San Lázaro e por algúns benefactores anónimos cara a igrexa parroquial, xa que mesmo fixeron achegas para obras de pintura o de cambio das escaleiras interiores. Ademais de todo isto, a aportación do Xacobeo permitiu restaurar o valioso retablo da igrexa, moi deteriorado polo paso dos anos.

A igrexa de San Lázaro é un templo de estilo modernista construído en 1924 polo arquitecto J. López de Rego. Presenta unha planta rectangular con ábside e porta alintelada con tragaluz sobre o que segue a liña dunha oxiva. No testeiro fai unha espadana de dous vans e ollo circular. Por enriba da liña apuntada da porta xorde un notable semicírculo como de arco cego de medio punto.

Compartir: