MEDIO AMBIENTE

O Concello analiza as medidas do decreto de aforro e eficiencia enerxética aprobado esta semana polo Goberno Central

03/08/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou hoxe que se está analizando "en profundidade" o decreto de medidas de aforro e eficiencia enerxética, aprobado polo Goberno Central o pasado luns e publicado onte no BOE; e está previsto, subliñou que a partir do luns xa se adopte algunha resolución ao respecto.

O decreto recolle a obrigatoriedade de limitar a 27 graos o uso do aire acondicionado no verán e a 19 graos a calefacción no inverno en edificios públicos, espazos comerciais e grandes almacéns, espazos culturais, hoteis, aeroportos, e estacións de tren e de autobús. Hai medidas, indicou o rexedor, que no caso do Concello de Santiago non son de aplicación, "como o tema do aire acondicionado". En canto á calefacción "abordarémolo máis adiante, xa que aínda non é de aplicación neste momento".

Ese decreto tamén obrigará a apagar as luces de escaparates e edificios públicos que estean desocupados a partir das dez da noite. Son as partes que máis preocupación causan, porque, sinala Sánchez Bugallo, respecto dos escaparates "vai redundar nunha menor iluminación en determinadas áreas da cidade". En canto á iluminación exterior, "entendemos que en determinados edificios históricos, como na Catedral, forma parte da iluminación pública e se se apaga produciríase unha situación que transmitiría unha imaxe de menor seguridade e de menor comodidade para as persoas que viven na cidade histórica". "Estudaremos ese tema", engadiu, "estamos analizándoo co resto das cidades Patrimonio da Humanidade", porque teñen a mesma problemática ca Compostela.

O alcalde finalizou sinalando que desde o Concello "estaremos atentos tanto o contido do decreto como a futuras normas que se poidan aprobar por parte do Consello de Ministros nas próximas semanas ou meses", respecto ao plan de aforro e eficiencia enerxética lanzado polo Goberno Central.

Compartir: