URBANISMO

Compostela medrará cara o norte con máis de 10.000 vivendas

20/04/2007 A zona norte de Compostela será o principal foco de expansión da cidade nos vindeiros anos, grazas a un novo proxecto urbano que permitirá a construción de máis de 10.000 vivendas. O alcalde anunciou a aprobación desta proposta detallada de ordenación da zona norte, que será aprobada na Xunta de Goberno do luns 22 de abril.

O alcalde cualificou o proxecto como "a actuación urbanística máis complexa e potente que se vai facer en Galicia nesta e na vindeira década". Contempla cinco novos polígonos residenciais, nos que se construirán 7.382 vivendas, das cales 5.266 serán de protección oficial. Estas uniranse ás 2.199 vivendas que se levantarán no SUNP-36 da Pulleira, xa en trámite. Ademais, a novidade é que por primeira vez se incorpora a vivenda unifamiliar en grandes números (600) a un proxecto deste tipo.

O Ensanche Norte en Amio e Parque das Cancelas-Porto do Medio terá unha superficie de 125 hectáreas, ou o que é o mesmo, catro veces o actual Ensanche. O ámbito desta actuación está delimitado pola Avenida de Asturias, o Periférico, os tecidos urbanos de Amio e San Lázaro e os altos de Cancelas e Mallou.

Pola súa posición, como indicou o arquitecto redactor, Alfonso Díaz, converterase nunha "nova fachada da cidade". A isto contribuirá tamén, ademais dun espazo residencial de calidade, un gran parque público de non menos de 35 hectáreas e o desenvolvemento dunha superficie para usos terciarios de nove hectáreas. Simultaneamente, contémplanse 18,5 hectáreas de sistemas xerais exteriores: o Parque de Outeiro das Cancelas, o Parque Universitario de Poza de Bar, as ampliacións do Campus Sur e do cemiterio de Boisaca e o viario Cancelas-Amio.

Sánchez Bugallo indicou que para 2008 está previsto que comecen xa as obras na Pulleira. A partir de aí prevese que os catro polígonos do proxecto se poñan en marcha nun período de oito a dez anos. Tamén segundo as estimacións do alcalde, as obras de urbanización, que se farán dunha forma conxunta para todos os polígonos, custarán máis de 80 millóns de euros. As obras de construción orzamentaranse en máis de 1.200 millóns de euros.

O alcalde destacou a calidade dun proxecto que "dá continuidade ao crecemento urbano da cidade". Ademais, referiuse á ampliación da Avenida de Asturias, que se converterá "na maior avenida urbana de Santiago".

Compartir: