ALCALDÍA

Os nenos tomaron o Pleno por un día

20/04/2007 Un grupo de alumnos de primaria dos colexios de Vite, Sar e La Salle foron protagonistas dunha nova edición da Xornada de portas abertas no Concello compostelán. Nuns animados e didácticos plenos infantís, tiveron a ocasión de sentirse concelleiros por un día e de manifestarlle ao anfitrión, Xosé A. Sánchez Bugallo, as súas reivindicacións.

A praza temporal de alcalde en funcións foi ocupada por Álvaro, un rapaz do colexio de Sar. A el correspondeulle a honra de conducir o Pleno municipal, no que os improvisados concelleiros realizaron as súas propostas de futuro. Un novo colexio para Sar, carrís bici, ascensores en Vite, máis controis de velocidade, beirarrúas máis anchas ou maior número de instalacións deportivas foron algunhas das demandas.

Como cada ano, non faltaron as anécdotas. Nesta ocasión non faltou quen lle preguntou ao alcalde se discutían moito no Pleno. Neste sentido, os propios rapaces exemplificaron os desacordos ao disputar a propiedade dalgunhas preguntas. Iso si, todos se amosaron moi inquietos e desexosos de participar e preguntar ao alcalde.

Despois do pleno, os rapaces fixeron unha visita didáctica ao Concello para coñecer o seu funcionamento e as súas dependencias. Esta mesma visita foi realizada por máis de 500 nenos ao longo da xornada. Algúns deles tiveron a ocasión de reunirse durante uns minutos co propio Sánchez Bugallo.

Estes plenos infantís formaban parte da Xornada de portas abertas, celebrada con motivo da celebración do XXVII aniversario da constitución das corporacións democráticas. Ademais dos nenos, cidadáns e turistas tiveron ao ocasión de visitar o Pazo de Raxoi, sede da Administración Local, mesmo tendo ao propio alcalde como guía. Todos recibiron un folleto explicativo da historia da Casa do Concello e contaron coa axuda duns guías neste percorrido.

Compartir: