RELACIÓNS VECIÑAIS

Homenaxe aos presidentes da asociacións de veciños "Raigame" e "Ponte Sionlla"

19/04/2007 Xaquín Mato Castro, presidente da asociación "Raigame" do Ensanche, e María Cruz Vázquez Veiga, máxima responsable da asociación "Ponte Sionlla" de Enfesta, serán homenaxeados polo Concello de Santiago, nunha cea presidida polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o venres 20, ás 21:30 horas, no restaurante Castro (lugar de Formarís).

Á cea homenaxe asistirán tamén o concelleiro de Relacións Veciñais, Manuel Portas, distintos membros da Corporación e arredor de 150 representantes das diferentes asociacións veciñais da cidade.

María Cruz Vázquez Veiga leva participando de forma activa no movemento veciñal desde hai 20 anos. As súas primeiras reivindicacións datan dos anos oitenta e consistiron no alumeado público para todas as aldeas de Enfesta e o requerimento para a paralización, previa intervención municipal, da explotación dunha canteira no Castro de Formarís. No ano 1991 faise cargo da asociación de veciños "Ponte Sionlla". Segue no movemento veciñal, tanto a nivel de parroquia coma de todo o rural, desempeñando o cargo de secretaria na Federación do Rural de Santiago (FERUSA).

Xaquín Mato Castro é presidente dende xuño de 1987 de Raigame, a asociación que defende os intereses dos veciños do Ensanche. Impulsou dende o principio a unión no colectivo veciñal. Un exemplo: estivo, con A Xuntanza, O Castiñeiro, Vite e outras asociacións, na fundación da Federación Veciñal. Goza dun grande recoñecemento entre os seus veciños.

Compartir: