UMAD

O xuíz de menores Emilio Calatayud dará unha charla a mozas e mozos composteláns

19/04/2007 Emilio Calatayud, xuíz titular do Xulgado de Menores número 1 de Granada, coñecido polas súas sentenzas educativas, estará en Santiago de Compostela o venres 20 de abril. Ás 10:15 horas será recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, no Pazo de Raxoi, e a continuación, entre as 11:00 e as 12:30 horas, ofrecerá na Aula Sociocultural de Caixa Galicia (rúa Carreira do Conde) unha charla sobre os dereitos e deberes dos novos no ámbito da Lei do Menor.

Á conferencia, organizada pola UMAD dentro do Plan Municipal de Prevención de drogodependencias, asistirán 170 alumnos de 3º e 4º da ESO dos seguintes centros: CEE de Xordos, IES Pontepedriña, IES Antonio Fraguas, IES Arzobispo Xelmirez I, CPR Nosa Señora dos Remedios, CPR Divino Maestro e Centro San Vicente Biqueira. Tanto a intervención do xuíz como as preguntas que xurdan serán recolidas nun DVD que será utilizado como material didáctico.

Emilio Calatayud logrou resonancia nos medios de comunicacións grazas a sentenzas como a que obrigaba a menores de Granada que se dedicaban a queimar papeleiras a traballar dous fins de semana cos bombeiros; ou a un mozo que circulaba bébedo en moto a visitar a parapléxicos que se rehabilitaban de accidentes de tráfico durante un día enteiro, falar coas súas familias e facer unha redacción. Outro caso: un adolescente que roubaba polo método do tirón permanece en liberdade vixiada tres anos, durante os que ten que estudar mecánica e
traballar para levar un soldo á súa casa.

No pobo de Darro, por exemplo, o único policía local, Antonio Morillas, ten dende fai uns meses un compañeiro de patrulla. Trátase dun menor detido reiteradamente por condución temeraria e sen permiso de circulación. Calatayud condenouno a 100 horas de servizo á comunidade, ademais de prohibirlle a condución de calquera vehículo durante seis meses. Co axente Morillas entregado tamén á causa rehabilitadora, empezan a verse os progresos do mozo. "Estase mellor no outro bando", chegou a admitir o pupilo. Así son as sentenzas de Emilio Calatayud: instrutivas, sinxelas, proporcionais e eficientes. Na súa opinión, todos os rapaces necesitan unha oportunidade que el está disposto a darlles.

Firme defensor da Lei do Menor, Emilio Calatayud considera que é un texto que ten moitas vantaxes, acorde co século no que estamos, pero que foi explicado de forma inadecuada.

Compartir: