BARRIOS E OBRAS

O concello de Santiago conta cunha partida de 52.400 euros para o acondicionamento de lavadoiros municipais, no que está incluido o de Picaños

05/07/2022 O Concello de Santiago conta cunha partida de 52.400 euros nos orzamentos de 2022, para a reparación de lavadoiros municipais, vinculada a crédito, que está a punto de resolverse. Nela están incluídos, entre outros, o lavadoiro da Rocha, no que se realizará o maior investimento, e o de Picaños.

Este lavadoiro, o de Picaños, situado na zona de Sar, que non se reparara desde o último mandato socialista, foi acondicionado a principios de xullo de 2020; e agora volverase adecentar e xa está previsto un mantemento permanente deste ben catalogado, de gran interese patrimonial.

O patrimonio etnográfico do concello conta cuns 210 elementos individuais catalogados no PXOM. Entre eles 91 muíños, 43 cruceiros, 30 pontes, 3 petos de ánimas, 3 pombais, 15 lavadoiros e 17 fontes. Pero este inventario, ademais de estar incompleto, constitúe só unha parte dos Bens culturais catalogados do concello. Por exemplo, no ámbito urbano xa hai cuantificados 22 lavadoiros.

O control, mantemento, restauración ou valorización dun patrimonio tan extenso, resulta unha tarefa complicada, tendo en conta os escasos recursos humanos e orzamentarios cos que conta o Concello. E sobre todo, considerando que a limpeza, restauración e acondicionamento destes bens debe ser realizada por profesionais, como en calquera inmoble de carácter patrimonial, co obxectivo de evitar o seu deterioro e preservar a súa conservación.

No ano 2004 creouse a Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación (Ocihr), que neste momento está desenvolvendo dous proxectos diferentes: a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, financiada con fondos EDUSI, que inclúe as ruínas do Muíño do Arcebispo e a limpeza e recuperación das súas canles. A súa execución está prevista para finais de 2022, principios do 2023.

A maiores, neste momento, estanse a catalogar os distintos elementos patrimoniais que non están inventariados, e que se atopan espallados por todo o territorio municipal. En concreto, estase buscando información para completar un inventario dos elementos patrimoniais do noso rural. Cando estea finalizado todos eses elementos vanse incorporar ao PXOM.

Compartir: