EDUCACIÓN

"O son das cousas": unha obra de teatro grande para xente pequena

19/04/2007 Alumnos de 3, 4 e 5 anos asistirán os días 24 e 25 de abril a unha singular proposta teatral: "O son das cousas". Esta representación de Sapristi Teatro transita nun xogo escénico construído a partir de pequenas situacións arredor dos sons da vida. Non hai texto falado, falan os sons.

A obra representarase dúas veces por día, ás 10:30 e ás 12:00 horas, cunha duración aproximada de 55 minutos. Neste tempo, os nenos achegaranse á experiencia teatral grazas a un xogo escénico sonoro e visual. Os rapaces xa irán preparados sobre o que van ver, xa que se elaborou unha unidade didáctica en torno á obra.

Sobre o escenario estarán Sara e Berta (Nuria Sanz e Patricia Vázquez), dúas buscadoras e recolectoras de sons. Andan dun lado para o outro segundo as leve o vento. A interacción das personaxes, as sons, o espazo e algúns obxectos permítenlle ofrecer ao público unha mirada lúdica e sonora do mundo e do seu propio universo. Trátase, segundo a actriz Patricia Vázquez, "dunha obra de teatro grande para xente pequena".

"O son das cousas", dirixida por José Campanari, pretende achegar os nenos ao feito teatral. Por iso, poderán coñecer unha linguaxe de interpretación no que se combinan as técnicas de clown, o teatro, a danza, o teatro xestual e a manipulación de obxectos. Trátase, en definitiva, de xogar coas emocións.

Compartir: