EDUCACIÓN

'Esperando el amanecer', da autora Fabiola del Rocío Anchorena Arias, gaña o XV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

29/06/2022 A autora peruana Fabiola del Rocío Anchorena Arias foi a gañadora do XV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado cun proxecto titulado 'Esperando el amanecer', que conta a viaxe dun grupo de animais a través da selva Amazónica para descubrir por que non amence. O premio, que está organizado polo Concello de Santiago e a editorial KALANDRAKA, ten unha dotación económica de 9.000 euros e leva a publicación da obra nas cinco linguas peninsulares.

'Esperando el amanecer' impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 209 proxectos procedentes de 15 países: España, Italia, Ecuador, Portugal, Reino Unido, Rusia, Alemaña, Arxentina, México, China, Mauritania, Grecia, Kenia, Australia e Brasil.

O xurado estivo formado pola editora Sonia Martínez (Piu Martínez); os ilustradores Marta Alexandra da Cruz, Federico Delicado e Xosé Cobas; e a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, actuaron como presidentes do xurado; e a técnica do departamento de Educación, Beatriz Varela, como secretaria.

A obra premiada conta como "a selva amazónica está envolta, desde hai varias semanas, nunha noite moi longa", que fai que "os animais do día e da noite, levados polo desasosego e a incerteza, decidan emprender unha viaxe para descubrir por que non amence".

Na valoración da obra o xurado destacou "a pertinencia e a actualidade do tema tratado neste álbum, no que a autora dá voz á Amazonía como protesta ante a explotación e a conseguinte destrución do medio". Ademais tamén se valorou a "poética do texto xunto coa atmosfera emocional que transmite este álbum, acentuada polo tratamento da cor, son elementos fundamentais da narración".

O Concello de Santiago en colaboración con KALANDRAKA, publicará nos próximos meses a obra, que constituirá un dos eixos na proxección exterior da citada editorial e da cidade de Santiago a través das feiras internacionais do libro.

Premiados nas edicións anteriores

Nas trece edicións precedentes foron premiados 'Preto', de Natalia Colombo; 'Un gran soño', de Felipe Ugalde; 'A familia C', de Pep Bruno e Mariona Cabassa; 'O camiño de Olaj', de Martín León Barreto; 'Bandada', de David Álvarez e Julia Díaz; 'Mamá', de Mariana Ruiz Johnson; 'Ícaro', de Federico Delicado; 'Despois da choiva', de Miguel Cerro; 'Unha última carta', de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; 'A horta de Simón', de Rocío Alejandro; 'Cándido e os demais', de Fran Pintadera e Christian Inaraja; 'O can de Milu', de Máriann Maray; 'Desde 1880', de Pietro Gottuso; e 'Selva' de Marina Gibert.

ATENCIÓN: Os/as autores/as poderán solicitar a devolución dos orixinais non seleccionados. Terán que comunicalo por escrito no enderezo de correo electrónico premiocompostela@kalandraka.com durante o prazo dun mes dende a decisión do xurado e asumirán os custos de envío. Para este efecto, facilitaráselles ás persoas interesadas un número de conta onde facer os ingresos correspondentes para o pagamento dos portes. Transcorrido ese tempo, as obras non reclamadas serán destruídas.

Compartir: